Vigo sofre as consecuencias do temporal e segue en alerta laranxa por fortes ventos e choivas
O Concello rexistrou un centenar de incidencias nas últimas 48 horas debido as choivas e ventos fortes rexistrados na cidade. O tráfico está limitado na zona de Balaídos, con limitacións nos accesos desde Pablo Iglesias e Manuel Castro.
O temporal que está a azoutar a cidade nas últimas 48 supuxo un centenar de incidencias e a limitación do tráfico na zona de Balaídos. Vigo segue en alerta laranxa pola previsión de choivas que poden chegar desde ata os 90 litros por metro cadrado en 12 horas.
Abel Caballero deu conta en rolda de prensa que permanecen limitados os accesos á zona de Balaídos por Pablo Iglesias e Manuel Castro, xa que o Lagares desbordouse en distintos puntos, tamén no parque de Castrelos.
Entre as incidencias rexistradas destacan vivendas anegadas pola auga próximas ao río, balsas de auga na calzada, o deterioro da decoración do Nadal en Martín Echegaray, a caída de paneis na Cidade da Xustiza e unha árbore na VG-20 no cruce coa AG-57.