Escoitar

O Concello aproba 11 novas actuacións por un importe superior aos 5 millóns de euros

O alcalde informou en rolda de prensa dos acordos acadados pola Xunta de Goberno Local para iniciar novas humanizacións e melloras na rede de abastecemento. Amais, engadiu as 129 actuacións que o goberno municipal ten en marcha en toda a cidade cun investimento superior aos 161 millóns de euros.

xoves, 20 out 2022

Abel Caballero puxo en valor o investimento municipal en 129 actuacións na cidade: 33 grandes obras que están en marcha por valor de 113 millóns de euros, 45 obras que comezarán nos próximos meses por valor de 40 millóns de euros e 51 asfaltados no centro e no rural por importe de 9 millóns de euros. Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou o inicio de 11 novas obras, por un valor que supera os 5 millóns de euros.

Quedaron adxudicadas as obras de humanización da estrada Clara Campoamor, fase I, que comprende o tramo situado entre Camiño Canotais (desde a rotonda principal de acceso ao Álvaro Cunqueiro) ata a rotonda da VG20, cun orzamento superior aos 423.000 euros. O alcalde deu conta dos traballos que se acometerán: a execución de novas canalizacións de recollida de augas pluviais, a instalación de novos grupos semafóricos, de beirarrúas con varandas de aluminio e a pavimentación para a mellora da seguridade viaria así como a instalación de sinalización vertical e horizontal. Amais, avanzou que unha vez rematada esta fase, o goberno municipal acometerá a segunda desde Camiño Canotais ata Ramiro Pascual: “estamos humanizando unha rúa que tería que facer a Xunta de Galicia”.

A Xunta de Goberno deu luz verde ás obras de mellora das rúas Padre Seixas e Porriño que teñen un importe de 330.000 euros. Na rúa Porriño xa se cambiou a iluminación e os semáforos e, agora, farase o pavimento, adecuando os sistemas de drenaxe, e nunha seguinte fase rematarase a humanización. Tamén se aprobou o proxecto de obras de pavimentación da rúa Nigrán, entre a confluencia de Padre Seixas e rúa Tui. Cun orzamento de 104.000 euros, arrincará co asfaltado, a modificación do paso de peóns e drenaxes e, na segunda fase, acometerase o resto da humanización.

Abel Caballero informou tamén da aprobación dunha “actuación integral” cun presuposto de 1.271.000 euros que inclúe o proxecto do ascensor entre Romil e Hispanidade e a humanización da Avenida Hispanidade, entre Amor Ruibal e Feliciano Rolán. “Continuamos o Vigo Vertical que arranca no Auditorio Mar de Vigo e acabará en Hispanidade”. O ascensor situarase xustamente na curva de Hispanidade, no ámbito da medianeira, onde hai agora unha vella escaleira de ferro. Será un “inmenso ascensor panorámico para acceder de Romil a Hispanidade con capacidade para 13 persoas”. A humanización supoñerá a renovación dos pavimentos, novas aceiras, novas redes de saneamento, abastecemento e pluviais, a canalizacións dos servizos para soterrar a iluminación pública e os semáforos, unha nova sinalización, novas redes de rego, novo mobiliario urbano, luminarias, xardinería vexetal e arbórea e elementos decorativos.

Amais, quedou aprobado o proxecto para a pavimentación da calzada da Avenida Atlántida entre Tomás Paredes e Javier Sensat que ten un importe de 298.689 euros, unhas obras ás que seguirá a humanización completa da rúa.

Abastecemento da cidade

Amais, a Xunta de Goberno encargou a redacción de varios proxectos técnicos de renovación do abastecemento. O primeiro na rúa Toledo e a súa contorna, un ámbito situado preto da rúa Cantabria, onde aínda aínda queda fibrocemento polo que o Concello “resolve un problema de décadas”. O rexedor avanzou que despois destas obras acometerase a humanización.

O proxecto da rúa Xulián Estévez incluirá o cambio das redes de fibrocemento na lado terra e despois a humanización. No caso do proxecto técnico das rúas Enciño e rúa de Freixo, un grupo de vivendas sociais situadas na rúa Emilia Pardo Bazán que precisan unha actuación de urxencia, sinalou o rexedor que “atendemos un abandono histórico nesta cidade facendo abastecemento e saneamento, xunto á pavimentación”. Nesta zona, as canalizacións aínda son de fibrocemento.

No caso da humanización da Avenida de Castrelos entre os números 120 e 144, Caballero explicou que precisa a renovación das redes de abastecemento, saneamento e pavimentación completa.

Aínda no abastecemento, a Xunta de Goberno avanzou nunha “obra moi importante na canle de Eiras para o abastecemento en alta a Cidenlle e Riofrío”. Tal e como explicou o rexedor, o Concello mellorará toda a condución de abastecemento en alta que trae a auga desde Eiras ata Vigo malia que “a captación e a traída de auga ata as potabilizadoras das cidades e municipios é obriga da Xunta de Galicia, tal e como recolle o Estatuto de Autonomía”. Nese punto concreto, é preciso acometer unha actuación valorada en 1,2 millóns de euros. Unha cantidade “que paga Vigo e que correspondente á Xunta de Galicia. Voulle enviar a factura”, criticou Caballero, xa que a obra se acometen no concello de Redondela pero é “imprescindible facela”.

Por último, o alcalde de Vigo deu conta da mellora “moi importante” na rede de abastecemento de auga do Concello, coa extensión do mallado que unirá as redes de abastecemento de Coruxo, Canido, Teis, Matamá, Sárdoma, A Salgueira, Sampaio, Lavadores e unha parte do centro da cidade. “Vai beneficiar a todo Vigo porque facilitará a circulación da auga na cidade”.

Descargar todas as imaxes