Escoitar

Isabel Pardo de Vera recibe a Medalla da Cidade

O alcalde imponlle á secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a máxima distinción da cidade do ano 2022, nun acto celebrado no Pazo de Castrelos, adiado desde o mes de marzo pola enfermidade da galardoada.

venres, 14 out 2022

Abel Caballero amosou a súa “ledicia persoal” por poder entregarlle a Isabel Pardo de Vera a Medalla da Cidade, unha “débeda de Vigo coa persoa que moveu con máis forza, ímpeto e carácter a ruptura do illamento por infraestruturas” da urbe. Engadiu a súa constancia de que cando a secretaria de Estado toma as decisións en favor do progreso da cidade móvena dous motivos: “a posición profesional e a súa querenza a Vigo, que para min vale infinito”.

A entrega da Medalla da cidade a Isabel Pardo de Vera celebrouse no Pazo de Castrelos, ao ser adiada a este mes de outubro pola enfermidade da galardoada. “Pospuxemos a entrega e hoxe felizmente pode ser, o que me produce un cruce de emocións: o respecto á medalla e os méritos para que a teñas e as circunstancias que obrigaron a pospoñer o acto”, sinalou o alcalde.

No seu discurso, Caballero apuntou algunhas das demandas históricas de Vigo cuxa solución promoveu Isabel Pardo de Vera como presidenta de Adif, primeiro, e como secretaria de Estado de Infraestruturas agora, co visto bo do presidente do Goberno e do Ministro: retomar o tren de alta velocidade co estudo hidroxeolóxico “que xa está feito”; a entrada do tren en túnel na cidade; ou a saída sur acordada polo presidente de España e o primeiro ministro de Portugal no cumio da Guarda. “Lánzase o proxecto e Pardo de Vera empeza a tomar decisións inmediatamente desde ADIF. Isto conforma un mérito inigualable porque é a nosa gran demanda, que pertence aos soños históricos da cidade de Vigo”. Apuntou tamén a decisión de iniciar os estudos para a conexión de Vigo coa autovía de Porriño,na que Pardo de Vera “volve xogar un gran papel” así como a posta en marcha da estación de Vialia que supón “un gran avance da cidade”.

Isabel Pardo de Vera agradeceu a concesión da Medalla da cidade ao Concello de Vigo, ao alcalde e a tódolos profesionais do Ministerio e ás empresas públicas e privadas “que fan que traballe motivada por eles. A medalla non é un premio polo traballo logrado, senón un recordatorio das cousas que temos por facer, a brúxula que seguirá sinalándonos o noroeste e un recordatorio constante do meu compromiso coa prosperidade da miña terra e desta cidade que xa considero miña”.

Así, comprometeuse a seguir “impulsando todo aquilo que é importante para a cidade, para Vigo, a provincia e a comunidade autónoma” e, en relación ao illamento ferroviario, lembrou que están mellorando os tempos da conexión con Madrid e, en canto estean homologados os carrís de Talgo, “estaremos bastante por debaixo das catro horas, aínda, pero os avances farannos mellorar ese tempo”. Puxo en valor a eurorexión Sur de Galicia-Norte de Portugal e a saída sur de Vigo que configura a finalización dun eixo atlántico estratéxico, que se concibe coa conexión de Vigo por Cerdedo co resto de España; “non pensamos proxectos independentes senón que o Ministerio pensa nunha malla de conectividade; non se conciben proxectos parciais, senón infraestruturas eficientes”.

Sobre o Ave por Cerdedo, a secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana explicou que, unha vez concluído o estudo hidroxeolóxico, “estamos en disposición de pasar á fase seguinte e faremos todo o posible porque saia adiante”. Respecto ao tramo Porriño-Vigo da autovía das Rías Baixas apuntou que se modificou o contrato para reflectir a alternativa que propón o Concello de Vigo no seu PXOM e “traballamos na documentación necesaria para realizar a tramitación ambiental” cualificándoo se “proxecto prioritario”.

Descargar todas as imaxes