O alcalde destaca o “éxito excepcional” das visitas teatralizadas ao cemiterio de Pereiró
O Concello ten esgotadas as prazas para participar esta fin de semana nas visitas guiadas ao camposanto municipal, tres cada día, con aforo de 25 persoas en cada unha.

Abel Caballero súmase este venres ás visitas guiadas ao cemiterio de Pereiró que comezaron este mércores, 12 de outubro, e que se desenvolven ata o 9 de novembro. Serán 20 xornadas con tres quendas cada día: 18:30, 19:00 e 19:30 horas, cun aforo de 25 persoas por quenda, de xeito que serán 1.500 as persoas que participen nas visitas este ano.
O rexedor deu conta da boa acollida do programa que está tendo un “éxito excepcional” e que permite percorrer Pereiró, durante 90 minutos, coñecendo a historia da cidade da man de actores que representan a Concepción Arenal, Irene Ceballos, a Marquesa de Valladares ou Cachamuíña.
O Concello establecer a reserva gratuíta da praza a través da web www.visitasguiadas.vigo.org e de forma presencial na Oficina de Turismo municipal. Poderanse reservar un máximo de 3 entradas por persoa e cada persoa só poderá facer unha reserva por temporada.


