Escoitar

Manel Fernández di que o cros escolar e a Vigo contra o cancro converterán a Vigo o domingo "nun estadio de atletismo"

O cros El Castro-San Miguel volve tres anos despois cunha inscrición duns 900 nenos e nenas, que competirán en diferentes distancias este domingo no parque de Castrelos desde as 10:00 horas.

xoves, 13 out 2022

Manel Fernández, concelleiro de Deportes, presentou o evento, que conta co apoio do Concello, e felicitou á comunidade educativa por esta iniciativa "que se converteu na proba escolar máis importante de Galicia". Ademais, manifestou que o domingo "Vigo será un gran estadio atlético porque coinciden o cros escolar no parque de Castrelos e a carreira popular Vigo contra o Cancro en Coia". David Morales, presidente da Agrupación Deportiva El Castro-San Miguel, que estivo acompañado tamén por Ramón Rodríguez, celebrou o retorno desta competición tras "anos complicados" e motivou a organización deste campionato, para escolares e federados nados entre 2007 e 2019: "A cidade necesita que se apoie o deporte de base dende abaixo". As carreiras, dende as 10:00 horas, atraen a atletas de máis de medio cento de colexios de toda a provincia, ademáis dunha vintena de clubs. Morales lembrou que para moitos nenos, especialmente os "olímpicos" (nacidos de 2017 a 2019) ou os prebenxamíns (de 2015 e 2016), esta "será a súa primeira proba. En función da idade as carreiras irán desde os 200 metros para os máis pequenos aos 3 quilómetros (cadetes). Oliva Román, a directora técnica do cros, apuntou que "é un sitio bonito para correr, a proba é que estamos aí tódolos días", e destacou que desta proba saen futuras figuras atléticas, como é o caso de Carmela Cardama.

Descargar todas as imaxes