A Avenida de Europa incorpora un sinal informativo da velocidade de circulación
O goberno municipal manterá en sentido Samil o carril calmado que permite o seu uso simultáneo por parte de vehículos a motor, bicicletas e patinetes no que, dende agora, un sinal luminoso informa da velocidade dos coches.
O alcalde informou en rolda de prensa este mércores que o Concello vén de instalar un “gran panel informativo luminoso” que indica a velocidade de circulación dos vehículos no carril de tráfico calmado da Avenida de Europa, en dirección a Samil desde o centro da cidade.
O citado carril, que se habilitou durante o festival O Marisquiño para favorecer o movemento da mocidade ata a praia, onde se desenvolveu unha das probas, ten a velocidade de circulación máxima limitada a 30 quilómetros por hora e permite o uso do mesmo de xeito compatible para vehículos a motor, patinetes e bicicletas.
O sinal informativo luminoso “advirte a cada vehículo da velocidade á que está circulando; non é un radar”, aclara Caballero, de xeito que os condutores teñen unha referencia máis sobre o seu desprazamento, tendo en conta que deben respectar o límite de 30 quilómetros hora.
No segundo carril, a velocidade mantense como estaba, limitada a un máximo de 50 quilómetros hora.