Escoitar

O rexedor saúda unha nova edición da Copa Vigo “palabras maiores porque é o torneo de fútbol máis antigo de Galicia”

A Copa Vigo de fútbol volve, desta volta na pretempada, para rematar coas finais no Federativo de Coia o Día da Constitución (6 de decembro)

martes, 23 ago 2022

O torneo, nacido en 1933 na modalidade masculina e no 2013 para a feminina, repite o esquema de 2021, cando Concello e Real Federación Galega de Fútbol decidiron retomala despois da súa cancelación pola pandemia en 2020.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero,  acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e polo delegado en Vigo da RFGF, Delfín Alonso, ademais de por presidentes, directivos e futbolistas dunha ducia dos clubs inscritos, presentou “un evento de rango deportivo tan importante como a Copa Vigo, o campionato máis antigo de todo o fútbol galego”, lembrou.

A competición, “unha gran celebración”, xogarase por eliminatorias resoltas en noventa minutos ou, caso de empate, nunha quenda final de penaltis. “É unha morte súbita, o equipo que perda se vai para casa ata o vindeiro ano”, indicou o rexedor, moi satisfeito “con esta colaboración coa Federación Galega”.

O delegado federativo en Vigo, Delfín Alonso, agradeceu o patrocinio municipal un ano máis (5.000 euros e un premio total de 3.000 euros para os catro finalistas) e explicou que a organización “vai da man” tamén do colectivo arbitral.

Alonso incidiu no éxito de levar as finais do ano pasado a decembro no Federativo de Coia, e Caballero lembrou que agora as finais contarán coa “humanización da contorna”, pois en marzo se inaugurou a reforma completa da rúa Rosal, mellorando o acceso ao campo.

A Copa Vigo, con dezasete equipos masculinos de 1ª, 2ª e 3ª Autonómica, entre eles o vixente campión, Alertanavia, e cinco equipos de categoría feminina autonómica (o filial sardomista é o encargado de defender o título do Sárdoma CF de categoría nacional), comeza este mércores coa eliminatoria previa entre San Roque Casablanca e Moledo CF (21:00 horas, A Bandeira, Carballal). Haberá xornadas esta fin de semana (oitavos de final), o 4 de setembro (cuartos), o 12 de outubro (semifinais).

No cadro feminino, un partido previo de cuartos (Casablanca-Balaídos) dará paso ás semifinais (12 de outubro) Valladares-Sárdoma B e vencedor de cuartos-Peñasco.

 

 

 

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes