O Concello trata de minimizar o impacto do incendio na piscina de Teis que provocou “danos significativos”
Á espera do informe que emita a Policía Científica, logo da inspección realizada na mañá deste luns nas instalacións, o alcalde avanzou que a piscina permanecerá pechada “algún tempo” polo que se está reasignando aos usuarios.
Abel Caballero informou en rolda de prensa da actuación dun equipo da Policía Científica que visitou a piscina municipal de Teis para investigar o incendio que se produciu o pasado sábado arredor das 23 horas da noite na planta inferior das instalacións. Logo da inspección realizada, a Policía científica emitirá un informe sobre as causas e o alcance do lume.
“Nestes momentos sabemos que o incendio foi importante e produciu danos singulares”, polo que a piscina non poderá usarse “durante algún tempo”, adiantou o rexedor, que apuntou tamén que nun prazo “dun ou dous días” poderán coñecerse as “necesidades para a reapertura e teremos valorada a situación”. Malia os “danos significativos” provocados polo lume nas instalacións, o Concello tratará de “minimizar o impacto aos usuarios e resolver – a situación- o antes posible”.
Amais da Policía Científica, na mañá deste luns, estiveron na piscina municipal de Teis o concelleiro de Deportes, o Director técnico das instalacións deportivas municipais, un representante de Aqualia e un representante da correduría de seguros. Os bombeiros xa remitiron á Policía Científica o seu informe de intervención na madrugada do sábado ao igual que a Policía Local que tamén lles enviou o informe da súa actuación. Tal e como sinalou Caballero, a Policía Científica actúa en casos coma este, sempre que se producen incendios de certa importancia.
Co propósito de evitar máis trastornos ás persoas usuarias das piscinas, que son unhas 1.200, o goberno de Vigo está reasignándoas a outras piscinas municipais e, tal e como explicou o alcalde, van poder elixir entre recuperar o diñeiro do abono ou ir a outras piscinas. En canto se saiba o alcance dos danos, nun prazo de 24-48 horas, o Concello poderá avaliar as obras necesarias e o tempo preciso para acometelas.