Escoitar

O Concello cualifica de insuficiente a reforma proxectada no IES San Tomé

O goberno local coida insuficientes as obras de reforma que a Xunta está a desenvolver nos IES San Tomé e Santa Irene. O alcalde contrastou a falta de compromiso desta administración coa inversión municipal en centros educativos, que supera os 25 millóns nos últimos tres anos.

luns, 30 mai 2022

O Concello vén de outorgar á Consellería de Educación licenza para a rehabilitación do IES San Tomé por importe de 902.402 euros, unha reforma que o alcalde coidou que non é suficiente porque, entre outras cuestións, non inclúe o enreixado. Unha situación similar atravesa o IES Santa Irene, no que a Xunta tamén está a facer obras insuficientes e, por exemplo, tivo que ser o Concello o que renovara a reixa. Son edificios cedidos polo que é a Xunta a que debe encargarse do mantemento dos mesmos.

Os alumnos de ambos centros, ademais, usan instalacións municipais para realizar a súa formación deportiva. No caso do San Tomé, o pavillón do Carme e a pista de rodadura; e no caso do Santa Irene, a devandita pista e máis o pavillón do Carme. “Volve ser o Concello o que resolve as grandes deficiencias das instalacións educativas da Xunta”, engadiu Caballero

A falta de compromiso da Xunta con estes centros contrasta coa inversión municipal, que supera os 25 millóns nos últimos tres anos. Citou o alcalde, entre outros exemplos, a cobertura de patios no Pintor Laxeiro, Balaídos, García Barbón, Canicouva, Rocío, Castelao ou Carballal.

Descargar todas as imaxes