Máis dun centenar de expertos participan no III Foro Internacional sobre Enfermidades Inmunomediadas
O alcalde anima aos participantes a aproveitar as xornadas para “compartir innovación e experiencias” e gozar da cidade
Máis de cen profesionais das especialidades de Reumatoloxía, Dermatoloxía e Aparello Dixestivo participan hoxe e mañá no III Foro Internacional en Enfermidades Inmunomediadas, que se celebra na sede de Afundación.
O alcalde participou esta mañá na inauguración oficial do evento xunto ao presidente do Comité Científico de InmuneVigo, Ceferino Barbazán, e destacou o “merecido prestixio” do que goza, especialmente nos últimos tempos, a ciencia e, en concreto, a medicina. Caballero instou á sociedade para “confiar sempre no traballo da ciencia” e aplaudiu a “gran capacidade colectiva” que demostraron durante a pandemia todos os que traballan no ámbito da saúde.
O rexedor agradeceu aos organizadores elixir Vigo para o seu encontro e animou a todos a aproveitar estas xornadas presenciais para compartir innovación e experiencias e, por suposto, para gozar da cidade e das Illas Cíes.
Este III Foro Internacional reúne a especialistas procedentes de sete comunidades autónomas e aborda temas como “Novos modelos de atención e comunicación cos pacientes e uso da intelixencia artificial nas IMIDs”, “As inmunomediadas en tempos do covid” ou “Colaboración público privada no Sistema Nacional de Saúde”.