A cidade prevé o 90% de ocupación hoteleira na fin de semana da Reconquista
O alcalde apuntou este xoves as boas previsións turísticas que manexa o sector hoteleiro da cidade nos próximos días, coincidindo coa celebración da Festa da Reconquista.

“Faremos a grande festa da Reconquista” esta fin de semana, sinalou Caballero, cunha previsión de ocupación hoteleira na cidade do 90%; “conseguimos que coa Reconquista, o World Padel Tour e algún congreso que promove o Concello teñamos practicamente un cheo de toda a cidade” estes días.
Este xoves pola mañá, o rexedor achegouse na Alameda á celebración da Reconquistiña na que participaron un milleiro de alumnos de 15 centros educativos da cidade amosando a súa “capacidade e entrega facendo resoar o grito de liberdade da cidade cos seus tambores. Foi excepcional”, dixo. O alumnado percorreu varias rúas desfilando vestidos da época da Reconquista e remataron a celebración na praza do Berbés con música e animación.



