Vigo atendeu a pernocta de once refuxiados ucraínos en tránsito a Porto
Vinte dúas persoas procedentes de Ucraína arribaron este mércores a Vigo, das que a metade precisou aloxamento para pasar a noite antes de continuar a súa viaxe en tren ata a urbe portuguesa. Segundo indicou o alcalde, o Concello cooperou con aqueles que precisaron hotel, traslados e incluso cena, e en total dá acollida actualmente a 32 refuxiados.
A cidade olívica recibiu este mércores a vinte dúas persoas chegadas de Ucraína, segundo deu conta Abel Caballero, das que once continuaron a súa viaxe en autobús ata Porto o mesmo día, mentres que outras tantas fixeron noite en Vigo para proseguir este xoves en tren o seu desprazamento en dirección á cidade do país veciño.
Destes últimos, nove chegaron á última hora da tarde e outras dúas mulleres, xa na madrugada. Explicou o alcalde que algúns xa contaban con lugares de referencia onde durmir e o Concello colaborou cos que carecían de aloxamento, facilitando hotel e incluso cena.
Ata o momento, a crise migratoria en Europa provocada pola invasión do territorio ucraíno por parte do exército comandado polo presidente Putin deixa en Vigo un balance de trinta e dous refuxiados aos que o Concello proporciona aloxamento e un total de preto de cento cincuenta persoas atendidas pola administración local viguesa.