O goberno municipal aproba 4.411 bolsas de comedor, libros e material escolar para alumnado da cidade
O alcalde destaca o investimento superior aos dous millóns de euros para axudar ás familias da cidade nunha competencia que corresponde ao goberno autonómico. Amais, apunta que non hai listas de espera para as bolsas e comprométese a incrementar os recursos se fose preciso.
A Xunta de Goberno Local dará luz verde na sesión deste xoves á proposta de resolución da convocatoria de axudas municipais de libros, material escolar e comedor para alumnado de centros públicos e concertados de Educación Infantil, Primaria e Secundaria do Concello para o curso 2021-2022.
Segundo detallou Abel Caballero, o Concello aprobará 1.360 bolsas para libros e material escolar por un importe de 136.000 euros. Son 189 máis ca en 2020, cando foran concedidas 1.181 bolsas e a contía incrementouse os 85 euros por alumno aos 100.
En canto ás bolsas de comedor, concedéronse 3.051, 21 máis ca en 2020 e “non hai ninguén en lista de espera; todas as familias que as solicitan e cumpren os requisitos da convocatoria reciben a axuda, que ascende a 1.178.000 euros, unha contía que se viu incrementada este ano en 16.343 euros.
O rexedor explicou que o primeiro pago das axudas municipais de comedor, ata unha porcentaxe máxima do 50% do importe, realizarase de forma anticipada antes de finalizar o primeiro cuadrimestre para que as familias dispoñan deses recursos. Ademais, o Concello dedica anualmente 606.000 euros a Foanpas (Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos), polo que o investimento en bolsas de libros e comedor supera os 2 millóns de euros.
Abel Caballero sinalou que as bolsas de libros e comedor “ten que pagalas a Xunta de Galicia, que en Vigo nin está nin se lle espera”, mentres noutras comunidades como é o caso de Andalucía si que as financia o goberno autonómico.
Sobre a evolución destas achegas, destaca o alcalde que cando chegou ao cargo “había listas de espera para as bolsas de comedor porque se esgotaban os recursos, cando nestes momentos non hai lista de espera” e de esgotárense incrementaríanse os recursos para financiar os comedores escolares, tal e como comprometeu.