Vigo abona 8,3 millóns pola liquidación da concesión de dous aparcamentos adxudicados polo goberno anterior
A Xunta de Goberno Local aprobará este xoves liquidar o contrato dos estacionamentos soterrados de Jenaro de la Fuente e da Avenida de Castelao, cuxa construción foi adxudicada pola anterior alcaldesa de Vigo unha semana antes das eleccións de 2007, segundo afirmou Abel Caballero. O alcalde recordou que o Concello tivo ademais que pagar outros 35,2 millóns polo Mar de Vigo, tamén adxudicado polos seus predecesores no cargo.
Caballero avanzou hoxe mércores que a Xunta de Goberno Local que se celebrará mañá xoves prevé aprobar a liquidación do contrato para a xestión mediante concesión dos aparcamentos soterrados de Jenaro de la Fuente e da Avenida de Castelao. O resultado da liquidación ascende a 8,3 millóns de euros, contía que o Pleno incorporou ao orzamento vixente con cargo aos remanentes (o aforro municipal), por acordo do Pleno de xuño deste ano.
O alcalde cualificou esta indemnización á empresa como a “herdanza que nos deixou o Partido Popular”, o grupo político que gobernaba en Vigo cando foi adxudicada a construción e explotación destes dous aparcadoiros, e censurou que a adxudicación do contrato se fixera “sete días antes” das eleccións municipais de maio de 2007, que deron como resultado un cambio de goberno e puxeron en mans de Abel Caballero o bastón de mando da cidade. “Oito millóns trescentos dez mil euros que ten que pagar este Concello, herdanza da Alcaldía do Partido Popular coa señora Porro”, aseverou.
Esta non é a única liquidación millonaria que o Concello tivo que afrontar derivada de adxudicacións do anterior equipo de goberno presidido pola entón alcaldesa Corina Porro. Segundo trasladou Caballero, o Concello tivo que pagar 35,2 millóns de euros polo Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo, “outra débeda de outra concesión” da que responsabilizou ao anterior goberno da cidade.
Así, en total, “deixaron unha herdanza de 43,5 millóns de euros de indemnizacións, e algunhas máis que poden chegar”, valorou Caballero, quen engadiu: “Calquera concello que non fora o de Vigo, coas boas finanzas e a boa xestión que temos, houbera quebrado. Iso significa suspender pagos”.