O Concello abre unha exposición sobre a evolución urbanística da cidade
O alcalde asistiu este martes á apertura da mostra, situada na planta baixa do Auditorio Mar de Vigo, e puxo en valor a visita que permite ver nos planos o Vigo “do pasado, o actual e o do futuro”.

Para o rexedor olívico “é moi interesante ver nos planos o Vigo que imos seguir facendo”, polo que recomendou á cidadanía realizar a visita xa que explica de forma didáctica a evolución de Vigo no tempo. A exposición está aberta, de luns a venres, en horario de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas.
Entre outras imaxes, a exposición exhibe a fotografía aérea máis antiga de Vigo, “a foto dos americanos realizada no ano 1956, que resulta ilustrativa porque non está Citroen e xa está o aeroporto”, explicou Abel Caballero. Ademais, a través dos planos, o visitantes poden ver cara onde camiña a cidade co novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.
O alcalde lembrou que o PXOM, que se atopa en fase de información pública, contempla 50.000 vivendas novas, case 15.000 de protección, espazos verdes, a recuperación de zonas simbólicas da cidade como o río Lagares, zonas dotacionais, novas vías que non afectan a casas, citando unha “importantísima desde a zona da Avenida de Madrid-Seminario que cruza Clara Campoamor, pasa polo hospital, enlaza coa VG-26, Matamá...” ou novas vías que vertebran o acceso a Samil.
Namentres, continúa tamén na planta baixa do Auditorio Mar de Vigo, a oficina de atención para a consulta do Plan Xeral que debe reservarse a través de cita previa.



