Escoitar

A Casa das Artes acolle desde o xoves case 200 obras de Colmeiro, Seoane, Picasso e Vertès

O Concello de Vigo programa unha mostra “extraordinaria”, en verbas do alcalde, que reúne creacións de catro artistas imprescindibles nas correntes de vangarda do século XX. “Un humanismo moderno. Colmeiro – Seoane – Picasso – Vertès”, na sede municipal de Policarpo Sanz desde o 21 de outubro ata o 21 de novembro.

martes, 19 out 2021
Portada do folleto da exposición municipal.
Portada do folleto da exposición municipal.

O proxecto foi elaborado polo Museo do Gravado de Artes á Estampa Dixital de Ribeira xunto ao Concello de Vigo e aglutina exemplos “moi significativos”, explicou Caballero este martes, do traballo gráfico e de ilustración creados por Colmeiro e Seoane no exilio arxentino na década dos anos corenta do pasado século.

Ambos, figuras imprescindibles na arte galega, desenvolveron unha estética con resonancias clasicistas que dialoga á perfección coa famosa “Suite Vollard” de Pablo Picasso (un centenar de gravados en distintas técnicas asinados polo xenio malagueño entre setembro de 1930 e xuño de 1936) e coas ilustracións de “Dafnis e Chloé” ideadas en 1954 por Vertès, gravador de orixe húngara afincado en París que, como no caso dos mestres galegos, tamén desenvolveu unha obra con indubidables referencias picassianas.

A selección de obras desta exposición articúlase en torno ao denominador común da estética, mais tamén presenta un fío condutor cívico, do que a mostra toma o seu nome. En distintos puntos xeográficos, os catro artistas coñeceron a experiencia do exilio e compartiron unha visión moderna do humanismo.

“Un humanismo moderno. Colmeiro – Seoane – Picasso – Vertès” ofrece desde este xoves, e durante un mes, case que dous centenares de obras de catro artistas imprescindibles para comprender as correntes de vangarda do século XX.  A mostra pode ser visitada na Casa das Artes, na rúa Policarpo Sanz 15, desde o 21 de outubro ata o 21 de novembro.

Descargar todas as imaxes