Caballero aposta en Conxemar 2021 por seguir na dirección da dixitalización e sostibilidade
O alcalde louvou a acción da Xunta Directiva de Conxemar que deu “un paso valoroso” na organización da Feira deste ano e cualificouna de “fito para poder enviar unha mensaxe a todo o planeta”.

Abel Caballero salientou á organización de Conxemar 2021 polo “paso valoroso” de apostar pola Feira este ano “cando estábamos aínda na terceira vaga da pandemia”.
O alcalde apuntou a “un éxito” da edición e louvou aos traballadores e traballadoras, ás persoas que emprenden no sector e a Xunta Directiva de Conxemar polo feito de facer o evento posible “durante tantos anos e facelo tamén agora”.
Caballero sinalou que “a pandemia non pode frear a economía” e precisou que “ambas son compatibles e iso amósase en Conxemar 2021”. O rexedor fixo fincapé en que Vigo é a cidade da economía: “cando apareceu o término globalización, nós xa vivíamos nela”, afirmou.
Deste xeito, no seu discurso inaugural, cualificou como “transversal” a actividade que “comeza coa extracción do peixe e remata no prato do consumidor”.
Para mellorar a cadea do sector do conxelado, Caballero rememorou aos predecesores: “A sostenibilidade no sector aprendémola dos nosos avós, cun compromiso pola tradición. Ninguén quere tanto ao mar como Vigo” e sinalou cara a onde imos: “A economía vai ser dixitalizada e sostible”.
O alcalde rematou a súa intervención cunha petición: “Que en sucesivas feiras haxa máis mulleres na Xunta de Goberno de Conxemar”. Caballero lembrou que as mulleres son máis do 50% da poboación e que “teñen o dereito a formar parte dos procesos productivos”.


