Escoitar

As catro piscinas de Samil converteranse nun “grande” parque acuático gratuíto

O Concello transformará as catro piscinas de Samil nun “grande” parque acuático con xogos, canóns de auga, tobogáns ou chorros a presión. Cun orzamento aproximado de 2 millóns de euros, está previsto que a actuación estea rematada para o próximo verán.

martes, 7 set 2021

O alcalde avanzou esta mañá a creación dun “grande” parque acuático en Samil, nun espazo “que xa é unha zona dotacional excepcional con 4 piscinas, área de ocio, de xogo e de merendas”. O goberno local xa iniciou a redacción do proxecto, coa intención de licitalo en breve. Tras a adxudicación, comezará a obra que ten unha duración aproximada de 5 meses, segundo anunciou. Non obstante, Caballero explicou que, para facer realidade este proxecto, será precisa autorización tanto do Goberno central como da Xunta de Galicia, confirmando que a documentación foi remitida esta mesma mañá a ambas administracións.

O alcalde explicou que a inversión prevista para esta actuación é de 2 millóns aproximadamente e que o Concello solicitará financiamento da UE. En todo caso, asegurou que o proxecto sairá adiante con ou sen fondos europeos.

Segundo detallou, actuarase nas catro piscinas que hai actualmente na zona, nas que se mellorarán accesos, reformaranse os vasos, instalaranse novas tubaxes, entre outras actuacións. Nas piscinas incorporaranse elementos lúdicos como cascadas, chorros a presión, canóns de auga, tobogáns, cortinas de auga ou xogos interactivos. "Imos ter a mellor praia de Europa”, con todos os servizos gratuítos, subliñou.

Descargar todas as imaxes