Vigo aproba unha urbanización en Alcabre con 43 vivendas e 5.500 m2 de zonas verdes
O alcalde informou este venres da aprobación inicial do PERI de Montana, case que 20.000 m2 fronte a igrexa de Santa Baia en Alcabre para erixir 43 vivendas unifamiliares das que 16 serán de prezo taxado. O ámbito inclúe un gran parque, aparcamentos e reserva solo para equipamento público.
De iniciativa privada, o Plan Especial de Reforma Interior (PERI) de Montana será aprobado inicialmente na próxima sesión da Xerencia de Urbanismo e comprende 19.400 metros cadrados que lindan coa Avenida Atlántida, nunha parcela case que delimitada polos camiños do Castañal e de Montana, en Alcabre.
O proxecto reserva preto de 5.500 metros cadrados para zonas verdes, outros 700 metros cadrados máis para equipamento público dotacional e prevé construír 43 vivendas unifamiliares, das que 16 serán vivendas protexidas, segundo subliñou o alcalde vigués. O plan inclúe ademais 106 prazas de aparcamento e a plantación de 65 árbores. Entre o solo reservado no proxecto para zonas verdes destaca a creación dun gran parque de algo máis de 4.000 metros cadrados na parte máis próxima á Avenida Atlántida, xunto fronte á igrexa de Santa Baia.
Outros asuntos
En rolda de prensa, Abel Caballero deu conta da aprobación do procedemento e do prego de condicións para a poxa pública dunha parcela municipal en Gandariña, no parque empresarial do Meixoeiro. O Concello iniciará así a tramitación para que os interesados poidan optar a un solo de uso industrial con máis de 3.500 metros cadrados de superficie total, que sairá por 1,3 millóns de euros de prezo inicial segundo o valor da taxación realizada. O recadado neste proceso á alza e con sobre pechado, avanzou o rexedor, “o Concello vai dedicalo a cuestións relacionadas con vivenda protexida, solo e desenvolvementos urbanísticos”.
En último lugar, Urbanismo do Concello de Vigo adxudicará as obras de derrubo de catro edificacións en estado de ruína na rúa San Roque, nos números 130, 132, 142 e 144. Os traballos realizaranse de forma subsidiaria, polo que o importe gastado será repercutido aos propietarios. O orzamento da obra ascende a 81.000 euros: “Seguimos no proceso de eliminar as ruínas de Vigo para dar seguridade na cidade”, concluíu o alcalde.