Vigo ofrece concertos, proxeccións e conferencias no Outono Lírico deste ano
O alcalde participou este martes na presentación da edición 2021 do programa, con catro “Voces para o Outono” con estrelas da lírica mundial, un concerto de “Novas voces da lírica galega”, catro representacións de “Ópera no cine” no auditorio do Concello e tres conferencias.
“Quero amosar o meu entusiasmo pola programación, co que significa, coa presenza da lírica na cidade, que ten unha gran tradición desta acción e mobilización cultural. Sempre estaremos acompañando este desenvolvemento tan singular na cidade de Vigo”, sinalou este martes Abel Caballero en rolda de prensa.
Amigos da Ópera de Vigo está detrás da programación do Outono Lírico 2021, presentada hoxe en rolda de prensa telemática polo alcalde e o presidente da entidade, Pedro Pablo Gutiérrez, e o seu director artístico, Daniel Diz, xunto ao tesoureiro, José Grobas, tamén presente na rolda de prensa, e o concelleiro de Cultura, Abel Losada.
Gutiérrez e Diz agradeceron o apoio das institucións patrocinadoras, “en especial ao Concello de Vigo”, e explicaron que o Outono Lírico celebra este ano unha década de vida. Desde o 2011 ata agora, o ciclo converteuse nun referente operístico que atrae a atención da lírica nacional e internacional. Para os próximos meses, Amigos da Ópera en Vigo ofrece doce actividades.
Este ano non se representa ópera por motivos derivados da COVID mais se representan no teatro Afundación en García Barbón catro recitais temáticos no ciclo “Voces para un Outono”. O resto das actividades serán de balde ata completar aforo, destacando o concerto de “Novas voces la lírica galega”, o 3 de outubro, catro representacións de “Ópera no cine”, no auditorio municipal do Concello, e tres conferencias adicadas aos centenarios que se cumpren este ano 2021.