Escoitar

Amaral actuará o 25 de setembro na explanada dos aparcamentos de Samil

O alcalde avanzou esta mañá que o concerto de Amaral será probablemente no aparcamento de Samil máis próximo ás pistas polideportivas. Nestes momentos o Concello está a traballar no protocolo covid para determinar o aforo final co que se pode desenvolver o concerto.

martes, 31 ago 2021

O goberno local deu luz verde á contratación do servizo de produción técnica e audiovisual para a actuación do grupo Amaral dentro do programa “Vigo en festas”. Cun importe de 72.000 euros, está previsto que o concerto se organice nos aparcamentos de Samil máis próximos ás pistas polideportivas, dado que son a explanadas que, en principio, poderían ofrecer maior aforo dentro das restricións sanitarias. Tal e como detallou o rexedor, o Concello está a traballar nestes momentos no protocolo covid para determinar cal pode ser a capacidade máxima de público da actuación da banda zaragozana, que estará en Vigo o próximo 25 de setembro.

Mantemento Vigo Vertical

O alcalde deu conta esta mañá da prórroga do contrato do servizo de mantemento integral dos elementos mecánicos incluídos no Vigo Vertical. O custo desta prestación -entre o 1 de setembro deste ano e o 21 de agosto de 2022 - elévase a 82.972,33 euros.

Tal e como detallou en rolda de prensa, o acordo inclúe o mantemento das escaleiras mecánicas de II República, de Pizarro e da Praza Portugal. A empresa adxudicataria tamén se ocupará de velar polo funcionamento dos seguintes ascensores: Pi i Margall con Camelias (Juan Ramón Jiménez); San Salvador e Praza de Isabel a Católica; Marqués de Valterra a Torrecedeira e máis o exterior de Pizarro. Mentres tanto, as empresas constructoras son as que manteñen de momento as ramplas da Gran Vía e o elevador desde Torrecedeira a Pi i Margall polo parque de Camilo José Cela.

Descargar todas as imaxes