Escoitar

O novo Plan Xeral prevé investimentos en Vigo por valor de 876 millóns de euros

O Concello cifra en 876 millóns as actuacións previstas nun documento xa dispoñible para consulta na web municipal. O alcalde detallou que, do total, os privados abonarán 298 millóns polos 295 do Concello, o principal axente inversor público. Do Estado se esperan 85 millóns, 170,5 da Xunta de Galicia e 27,5 millóns da Deputación.

martes, 10 ago 2021
O alcalde, Abel Caballero, e a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, María José Caride, este martes na terraza do Concello.
O alcalde, Abel Caballero, e a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, María José Caride, este martes na terraza do Concello.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal xa está subido á páxina web do Concello e será aprobado pola Xerencia de Urbanismo este xoves, antes de ser ratificado pola Xunta de Goberno Local e no Pleno da Corporación. Este martes, o alcalde informou das grandes cifras que incorpora o planeamento municipal vigués para os próximos vinte ou trinta anos, horizonte estimado de vixencia dun Plan Xeral ata a entrada en vigor do seguinte.

Os investimentos previstos ascenden a 876 millóns, dos que os promotores privados abonarían 298, o Concello 295, a Xunta de Galicia 170,5 millóns, o Goberno de España 85 e a Deputación de Pontevedra, 27,5 millóns de euros. Esta contía, aclarou Caballero, só se corresponde á urbanización e transformación do solo e non inclúe, por exemplo, a construción de edificios ou de aparcadoiros soterrados.

A participación proposta para o Goberno de España corresponde, segundo trasladou o alcalde, á cobertura parcial da AP9 e á construción dunha glorieta á altura da Avenida Buenos Aires, ao tramo en Vigo da futura autovía A59 a Pontevedra, á humanización da Avenida de Madrid e ao novo acceso á zona portuaria de Rios, en Teis, que actualmente é “lamentable”.

No relativo ao goberno provincial, Vigo propón 27,5 millóns de investimento para os novos parques previstos no PXOM de incidencia supramunicipal, como os de Monte da Serra ou A Guía, para as novas zonas deportivas planificadas (en A Balsa, Oia ou Tomada) e para a mobilidade sostible e itinerarios peonís e ciclistas en vías de titularidade da Deputación.

Por último, Caballero explicou os 170,5 millóns asignados á Xunta de Galicia. A metade, 85 millóns, serían para actuacións en materia de augas, “no ámbito das súas competencias”, como colectores e tanques de tormenta, mentres que os 85,5 millóns restantes serían para mellorar vías de titularidade autonómica e outras de nova creación e incidencia supramunicipal.

En particular, sobre esta última cuestión, o alcalde indicou que sería o caso da nova vía prevista entre A Balsa e Baruxáns, unha estrada que unirá o Seminario co hospital Álvaro Cunqueiro, a Universidade e os polígonos de Citroën e o PTL. O Concello considera que será de ámbito supramunicipal, xa que unirá unha estrada de acceso e saída da cidade e de titularidade estatal, como é a Avenida de Madrid, cun hospital e una Universidade supramunicipais e con zonas industriais incluídas no Plan de Áreas Empresariais de Galicia.

Para afrontar a súa construción, Vigo propón o modelo aplicado pola propia Xunta de Galicia en situacións similares, como na terceira ronda de A Coruña ou na Vía Ártabra: o Concello cedería o solo e participaría no financiamento da obra, mentres que a Xunta de Galicia faría fronte ao resto do custo. Para Caballero, sería “cooperar en grandes ámbitos de comunicación da cidade con rango supramunicipal”, apuntou Caballero.

Para concluír, o alcalde vigués puxo en valor “o que significará este Plan de relanzamento da economía de Vigo, a través de facilitar a nova edificación terciaria, industrial e residencial, e a través de todas as grandes infraestruturas” que recolle.

Descargar todas as imaxes