Escoitar

A Xerencia de Urbanismo aprobará inicialmente o PXOM o 12 de agosto

O alcalde anunciou a data da convocatoria do Consello Extraordinario da Xerencia de Urbanismo co único punto do día da aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

luns, 9 ago 2021

O 12 de agosto comeza a tramitación administrativa do Plan Xeral de Ordenación Municipal logo do anuncio do alcalde da convocatoria extraordinaria da Xerencia de Urbanismo que dará luz verde ao documento.

Abel Caballero explicou en rolda de prensa que logo deste trámite o PXOM pasará pola Xunta de Goberno Local e logo volverá á Xerencia para posteriormente ser aprobado no Pleno do Concello a finais do mes de agosto.

O rexedor lembrou que “o novo plan ten un importante número de vivenda protexida – 14.500 –, que mellora os tráficos na cidade, que terá novas zonas verdes e de recuperación de zonas importantes na cidade.”

O borrador do Plan Xeral prevé 1.892.000 de metros cadrados de zonas verdes, que se sumarán ao 1.555.000 m2 existentes nestes momentos, polo que en 2050 está previsto que Vigo conte con 3,5 millóns de m2 de espazos verdes. Respecto á ratio por habitante, pasará de 5,29 en 2018 a 10 m2. Ademais, o número de parques de máis de 25.000 m2 subirá dos 15 actuais aos 32.

Descargar todas as imaxes