Escoitar

O Concello inicia a humanización da Estrada José Rivas, en Coruxo

Abel Caballero e Carmela Silva participaron este venres na colocación da primeira pedra, acto simbólico de comezo dunha reforma que presenta un orzamento próximo aos 200.000 euros e forma parte dun convenio entre o Concello e a Deputación. Ademais, o goberno de Vigo adxudicou as melloras da Praza da Feira, Purificación Saavedra e Rosal Florido.

venres, 6 ago 2021
De esquerda á dereita, Santos Héctor, Carmela Silva, Abel Caballero e Javier Pardo
De esquerda á dereita, Santos Héctor, Carmela Silva, Abel Caballero e Javier Pardo

“Un inmenso paquete de humanizacións no ámbito rural”, sinalou o alcalde en rolda de prensa, antes de desprazarse ata Coruxo, xusto diante do centro de saúde, para celebrar o acto de inicio de obras xunto á primeira tenente de alcalde e presidenta da Deputación, Carmela Silva. Tamén participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, Javier Pardo, e o concelleiro e deputado provincial, Santos Héctor.

A reforma proxectada na Estrada José Rivas presenta un orzamento de 188.000 euros e permitirá construír unha beirarrúa de metro e medio de ancho desde o ambulatorio ata a Estrada de Camposancos, uns 500 metros de rúa, ademais de facer novas canalizacións de pluviais, sumidoiros, pozos de rexistro e redes soterradas para a iluminación. Unha vez rematada, a vía contará tamén con dous pasos de peóns elevados cos que se busca calmar o tráfico e mellorar a seguridade peonil.

Segundo recordou o alcalde, esta actuación forma parte dun convenio asinado entre o Concello e a Deputación de Pontevedra para mellorar a accesibilidade e a seguridade en rúas das parroquias viguesas. Xunto á de José Rivas, o acordo entre as partes inclúe obras en Estrada da Venda (Beade), Subida a Relfas (Sárdoma), Paradela (Teis), Camiño da Pomba (Valladares), Estrada da Balsa (Matamá) e Severino Cobas (Lavadores).

Máis humanizacións

Por outra banda, Abel Caballero informou da adxudicación de tres reformas en vías do rural, que en total superan o medio millóns de euros. Trátase da Praza da Feira, en Cabral, para a que o goberno de Vigo reserva 152.000 euros; a segunda fase de Purificación Saavedra, en Teis, cun orzamento de 312.000 euros; e Rosal Florido, en Lavadores, por importe de 62.000 euros.

De esquerda á dereita, Santos Héctor, Carmela Silva, Abel Caballero e Javier Pardo
Descargar todas as imaxes