Escoitar

Caballero, “encantado” coa “categoría arquitectónica única” do Barrio do Cura

O alcalde visitou este xoves a maqueta que ilustra a futura urbanización e mostra a “excepcionalidade do que vai suceder” na zona, con “edificios acristalados cheos de luz, terrazas, espazos e zonas abertas e a prolongación do Paseo de Alfonso”.

xoves, 5 ago 2021
O alcalde, durante a visita
O alcalde, durante a visita

Abel Caballero subliñou que a recreación -emprazada nas oficinas da promotora, en Elduayen 1- revela “moi ben onde vai estar o acceso desde a Praza do Berbés, a través dun ascensor, un camiño por unha zona verde e un segundo ascensor que te levará á zona do Paseo de Alfonso”. Ademais, o Concello habilitará outro acceso a través duns edificios na Praza do Berbés que serán rehabilitados, segundo recordou.

“Pasaremos de ter unha zona na que case era imposible entrar polo nivel de perigo cando eu cheguei á Alcaldía a velo transformado nunha zona excepcional, con estacionamentos, zonas públicas e unha escola infantil de cristal preciosa”, valorou o alcalde en rolda de prensa posterior.

O pasado 23 de xullo, o Pleno da Corporación municipal viguesa deu luz verde á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo para o ámbito do Barrio do Cura. Este trámite, imprescindible para levar adiante o proxecto residencial e comercial na zona, permite agora á promotora avanzar cos proxectos de urbanización e de compensación, previo ao inicio das obras.

O alcalde, durante a visita
Descargar todas as imaxes