Escoitar

Vigo, “no centro da planificación estratéxica da Alta Velocidade no oeste da península”

Abel Caballero celebrou este mércores que ADIF licitase a redacción do proxecto para enlazar, a través de Valladolid, directamente con Euskadi, Barcelona e Europa. Para o alcalde, xunto á saída sur e a Cerdedo, este ramal permitirá a conexión de Lisboa e Oporto con Europa a través da cidade olívica.

mércores, 4 ago 2021
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) vén de licitar a redacción do proxecto de construción dun “bypass”, algo despois de Medina, entre as liñas de Madrid-Valladolid e Madrid-Zamora-Galicia de Alta Velocidade, ao que reserva algo máis dun millón de euros.

Caballero valorou este mércores unha decisión “moi importante” que sitúa a Vigo “no centro da planificación estratéxica da Alta Velocidade en todo o oeste da península”. O novo enlace fará posible que os trens procedentes de Galicia poidan enlazar coa liña que sube a Valladolid para conectar directamente con Euskadi, Cataluña e eventualmente con Europa. Coa variante de Cerdedo e a saída sur, Portugal terá a súa saída en Alta Velocidade ao continente a través de Vigo.

“É importantísimo”, subliñou o alcalde, quen explicou que se conseguiu co Goberno de España desbloquear o Vigo-Ourense directo por Cerdedo e, no cumio hispano luso de A Garda, tamén a saída sur Vigo-Oporto. “Pero faltaba algo moi importante: conectar a Alta Velocidade con Cataluña, Euskadi e Europa” e precisamente ADIF licita o proxecto para facilitar este enlace. “A saída que Portugal necesita para Europa ofrecémola a través de Vigo”, salientou Caballero, quen amosou o seu “entusiasmo” por este “gran acerto” do Ministerio de Transportes e de ADIF.

Descargar todas as imaxes