O Supremo non admite o recurso da Xunta e ratifica a obriga de pagar IBI polo Álvaro Cunqueiro
O alcalde informou este mércores da providencia do Tribunal Supremo, que valida o criterio do TSXG e finaliza o proceso xudicial aberto pola Xunta de Galicia contra a ordenanza fiscal viguesa e, en última instancia, o abono do Imposto de Bens Inmobles polo hospital de Beade-Valladares, que este ano superará lixeiramente o millón de euros.
O Tribunal Supremo non admitiu a tramite o recurso de casación interposto pola Xunta de Galicia contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), avalando polo tanto a ordenanza fiscal viguesa e a obriga de tributar polo IBI do hospital Álvaro Cunqueiro. Este ano o imposto ascende a 1.026.000 euros.
Caballero valorou este mércores o trámite xudicial, que conclúe cun ditame do Supremo que rexeita o recurso autonómico “por non fundamentarse que concorren algún ou algúns dos supostos que permiten apreciar o interese casacional obxectivo e a conveniencia dun pronunciamento da sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo”.
“A Xunta só contempla Vigo para levarse diñeiro da cidade; querían quitarnos o IBI do hospital”, asegurou o alcalde, mais “o Tribunal Supremo di que si e o TSXG tamén lle dixo que si” ten que abonar o imposto á administración local viguesa.