O Servizo de Axuda no Fogar pon a dispor dos usuarios atención psicolóxica, podoloxía e salón de peiteado
O Alcalde anunciou que durante o verán estará activo o programa “Ven ao cine co Concello” coa idea de “incentivar ás persoas a saír da casa”.
O Servizo de Axuda no Fogar ofrece ás persoas dependentes novas prestacións entre as que inclúe o atención psicolóxica, podoloxía e salón de peiteado. Abel Caballero considera estes servizos son “de gran importancia” e subliñou a alta demanda do servizo de podoloxía e atención psicolóxica por mor da pandemia: “xa son 143 persoas e é moi importante para eles”.
Ademais, o rexedor anunciou que durante todo o verán estará activo o programa “Ven ao cine co Concello”, unha idea para “incentivar a saír ás persoas de casa”. Caballero explicou que sempre irá unha auxiliar co quen solicite esta actividade.
Melloras laborais das traballadoras do SAF
O alcalde apuntou en rolda de prensa as melloras das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar en Vigo: “Queremos que a xente que faga traballo no SAF teñan unhas condicións dignas”. Deste xeito sinalou a baixa de máis de 10 puntos da temporalidade situándose nun 45,38%. “O obxectivo é baixar ao 20%”, dixo.
Entre outras melloras tamén está o aumento das horas do traballo dalgunhas traballadoras para ter un salario máis estable e fixo, a creación dunha bolsa de horas para ter garantida unha xornada mínima ao mes, mobilidade dentro da empresa atendendo a conciliación e ampliación dunha semana da baixa por maternidade.