Abel Caballero, sobre a pista de probas do coche autónomo: "É un proxecto vertebrador"
Zona Franca de Vigo e CTAG inclúen a pista de ensaios para vehículo autónomo nun proxecto con Cellnex que opta a fondos Next Generation EU. A manifestación de interese, na que tamén participa Zona Franca de Barcelona e ANFAC nun amplo proxecto de colaboración entre territorios, prevé desenvolver a nova tecnoloxía en España.
Zona Franca de Vigo e CTAG participan como socios no proxecto “Programa Tractor Vehículo Conectado V2X”, xunto a Cellnex como promotor e a Zona Franca de Barcelona, entre outros, para o desenvolvemento do vehículo conectado en España. O proxecto da marca España, no que colaboran todos os actores con coñecemento do automóbil, presentouse como Manifestación de Interese (MDI) a fondos Next Generation EU. Este xoves houbo en Vigo unha reunión de traballo presidida por alcalde de Vigo e presidente de Zona Franca e da FEMP, Abel Caballero, á que asistiron o delegado do Estado, David Regades; Albert Cuatrecasas, director xeral de Cellnex España; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Luís Moreno, director do CTAG; así como directivos de Cellnex, do Consorcio da Zona Franca e do CTAG.
O proxecto “Programa Tractor Vehículo Conectado V2X” (tecnoloxía que permite a comunicación entre o vehículo e a súa contorna) ten como obxectivos principais converter a España nun referente internacional en mobilidade conectada e potenciar o I+D+i necesario mediante a creación dunha Rede de Polos de Experimentación de Movilidad para diversas contornas (urbano, estrada, rede de alta capacidade, rural ou circuítos) e centros de homologación de produtos en 4 autonomías (Galicia, Cataluña, Castela e León e Aragón) con centros en Zona Franca de Vigo, Zona Franca de Barcelona, Castellolí, Valladolid e Zaragoza. Creará 1.540 empregos nos tres primeiros anos.
O alcalde de Vigo, presidente de Zona Franca de Vigo e da FEMP, Abel Caballero, definiuno como “un proxecto vertebrador”, ademais de que “a compañía do CTAG ponnos na senda do acerto”, dixo. Neste sentido subliñou algunhas das vantaxes do proxecto e é que “ten a capacidade de implementación rápida e un grao de certeza elevado nun curto espazo de tempo, que é o elemento esencial para materializalo”.
O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, asegurou na reunión de traballo que “é unha oportunidade estratéxica para Galicia e para España, que reflicte a fortaleza do norte peninsular a través da unión espacial e xeográfica de Zona Franca de Barcelona e Zona Franca de Vigo e que atraerá actividades de alto valor engadido, necesarias para a industria”, ademais de engadir que se trata de “un proxecto de país, ibérico e de Europa”. David Regades subliñou que “só cun amplo proxecto de colaboración entre territorios, que aglutina ao eixo do automóbil en España, pódese competir no mundo e non con proxectos illados. É a visión de futuro do automóbil”.
David Regades explicou que “se a validación dun vehículo tradicional implica 1 millón de km de probas, a dun vehículo de nova xeración conlevará máis de 100 millóns de km de probas, de aí a importancia desta pista de probas para o sector da automoción de Galicia”.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou que “o camiño é apostar por proxectos que garantan que podemos construír unha sociedade mellor, para ser máis competitivos e para que o país sexa referencia”. Así que ve o proxecto “ilusionante e ambicioso para que este territorio estea preparado para competir cos mellores do mundo”. Destacou ademais que é unha proposta “de cooperación interterritorial, que busca a excelencia e o talento” e lembrou que “en Vigo temos unha longa tradición de industria e de innovación e unha Universidade moi centrada nas enxeñerías e as STEM”.
Entre as infraestruturas que contempla este macroproyecto está a de Zona Franca de Vigo e CTAG, como socio tecnolóxico, para unha pista de ensaios no Concello das Neves (lindeiro coa Plisan). O obxectivo é posicionarse como un dos referentes na mobilidade do futuro en Europa, mediante a creación en Galicia dunha infraestrutura que dea resposta aos retos de l+D e validación para a nova mobilidade sostible e intelixente.
O proxecto de Zona Franca e CTAG consta de tres partes, unha está nos laboratorios de validación dixital, instalacións que permiten realizar test en fases temperás para detectar erros; a segunda son as áreas de tests controlados onde se poidan reproducir diferentes contornas que permitan a realización de probas de forma controlada. Para iso, desenvolverase unha pista de ensaios de solucións de mobilidade autónoma e conectada que incorporará as tecnoloxías máis avanzadas de conectividade e que terá zona de autoestrada, zona de estrada rural, zona urbana/ smart- city, interseccións e rotondas, aparcamento exterior e interior, zona para manobras de emerxencia e contorna industrial. A terceira parte é a posibilidade de dispoñer de contornas reais, na estrada aberta, equipados coas tecnoloxías de conectividade.
Os obxectivos pasan por crear un ecosistema innovador en vehículo conectado V2X e autónomo en España, que se posicionará como o campo de probas europeo de referencia para o V2X, ademais de ancorar a industria da automoción en España e potenciar a creación de emprego altamente cualificado.