Escoitar

O goberno de Vigo inviste 490.000 euros na xestión telemática dos servizos de Benestar Social

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a adxudicación da contratación dunha plataforma telemática para a xestión integral ds expedientes de Benestar Social co fin de “mellorar a atención e prestar un servizo máis eficiente á cidadanía”.

xoves, 6 mai 2021
Abel Caballero na súa comparecencia este xoves en rolda de prensa
Abel Caballero na súa comparecencia este xoves en rolda de prensa

O alcalde deu conta en rolda de prensa deste acordo poñendo en valor a política social como o “centro de atención na política da cidade e canto máis moderno sexa o sistema para facilitar a xestión máis rápido iremos na xestión dos expedientes”.

Na plataforma coordinaranse os programas municipais de Servizo de axuda no fogar, o Programa infancia e familia, os coidadores de barrio, a Teleasistencia, o Programa de axudas de emerxencia, o Programa de bolsas de comedor e material escolar, o Centro de inclusión social, o Centro de información e asesoramento de servizos sociais, Xantar na casa, Envellecemento activo, o Bono taxi e o Programa de atención aos migrantes.

O goberno municipal inviste 490.000 euros nesta plataforma que permitirá a modernización tecnolóxica dos servizos sociais, a redución de prazos, de trámites e de papel cero, tamén unha mellor calidade de atención e asistencia aos usuarios, ao evitar colas, desprazamentos e xestións innecesarias.

Abel Caballero explicou que con esta ferramenta “prestaremos un servizo máis eficiente á cidadanía porque iremos máis rápido. Seremos capaces de proporcionar aos usuarios destes programas información en tempo real”. En definitiva, a plataforma de xestión de servizos de Benestar Social ofrece a posibilidade dunha “mellor atención cidadá”.

Mostra Xela Arias

Amais, o rexedor informou da aprobación na Xunta de Goberno da solicitude de subvención á Deputación Provincial de Pontevedra para levar a cabo unha exposición da poeta Xela Arias, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, por un importe de case 11.000 euros. A mostra “ Xela Arias. A poesía do retrato” inclúe 40 fotografías e 40 poemas da autora.

Abel Caballero eloxiou a “calidade literaria excepcional” da autora a quen o Concello quere celebrar e promover a súa obra; “Xela foi unha muller con enorme dimensión humana e unha infinita dimensión poética e queremos que todo o mundo saiba dela”.

Descargar todas as imaxes