Escoitar

Acordo de goberno entre socialistas e nacionalistas

Ventura Pérez Mariño, por parte do PSdG-PSOE, e Lois Pérez Castrillo, polo BNG, asinaron un acordo para gobernar a cidade de Vigo durante o período 2003/2006.

sábado, 14 xuñ 2003
1055593874bcomparecencia.jpg
Comparecencia ante os medios
Reproducción íntegra do texto asinado

En Vigo, como na práctica totalidade de grandes cidades de Galicia, as eleccións muncipais do 25 de maio deixaron claro que unha maioría moi ampla de cidades avalan a fórmula impulsada en 1999, unha colaboración entre o PSdG-PSOE e o BNG. Ámbolos dous partidos chearon a acordos xerais para garantir o respecto a esa vontade dos galegos e galegas.

Na nosa cidade, o reparto do voto aconsella chegar a un acordo estable de goberno que permita manter a coalición que se constituiu en 1999 e que lle permitíu continuar o camiño da consolidación como cidade líder en Galicia e na Eurorrexión. Ese goberno estará presidido polo partido que acadou maior número de representantes pero constituido de forma equilibrada por ámbalas dúas formacións políticas.

Dada a coincidencia fundamental coas ideas de progreso e modelo de sociedade dos partidos que gobernarán Vigo nos próximos catro anos, BNG e PSdG consideran fundamental garantir un acordo programático das liñas a seguir, sustentado na lealtade e corresponsabilidade dos seus membros cun proxecto común de goberno. O acordo apóiase no compromiso de avanzar no proceso de reformas, na normalización da vida cidadá e as relacións institucionais, e no fomento do diálogo social e a democratización da vida municipal.

Os asinantes do pacto declaran a súa intención de reforzar o traballo para correxir as desigualdades sociais e conseguir que todos os vigueses e viguesas teñan unha digna calidade de vida e expectativas de futuro na súa propia cidade. Alén dunha política social consonte co anterior, os asinantes afírmanse na necesidade de crecemento e impulso económico de Vigo e a súa capacidade de liderado territorial, como pasos necesarios para elevar o nivel de vida dos cidadáns. Deste xeito, o progreso económico da cidade promoverase sempre como camiño para acadar o obxectivo do benestar social e a calidade de vida dos seus habitantes.

O novo goberno de Vigo comprométese a impulsar aínda máis o diálogo político e o consenso para fortalecer as súas posicións ante as Administracións central e autonómica á hora de reclamar as importantes infraestructuras de desenvolvemento aínda pendentes.

Esa mesma vontade seguirá a poñerse de manifesto nas relacións cos importantes axentes do desenvolvemento económico e social que actúan na cidade. É o caso da Autoridades Portuaria ou a Zona Franca, por citar só dous exemplos salientables, na procura da optimización da súa xestión a prol dos intereses colectivos de Vigo e os vigueses.

Neste sentido, considérase axeitado o procedemento seguido para a revisión dos instrumentos de planificación estratéxica e urbanística que se concretan nos documentos de revisión do PXOM e o Plano Estratéxico, porque seguiron esa mesma vonatde de consenso.

Outro proxecto polo que o goberno PSdG-BNG seguirá pulando e buscando consensos amplos é o Área Metropolitana de Vigo, un organismo que urxe poñer en marcha xa que sen él é moi difícil deseñar o futuro do crecemento do noso municipio, nomeadamente, no que se refire aos grandes servicios públicos que afectan a unha das zonas máis densamente poboadas de Galicia.

Así mesmo, este acordo considera que os eixos básicos da actuación do goberno municipal de Vigo deberán pasar pola consecución das grandes infraestructuras pendentes, a atención e protección ambiental do borde litoral, a preocupación polo desenvolvemento dun urbanismo sostible, un constante proceso de humanización da cidade, a facilidade de acceso á vivenda, a prestación duns servicios municipais de calidade -incluíndo os referidos a seguridade, o tráfico e o transporte- a creación e mantemento das dotacións e equipamentos públicos, o traballo a prol da promoción económica e creación de emprego, a ampliación das políticas de atención social, igualdade, cultura, educación e sanidade, e o compromiso cunha xestión municipal baseada nos principios de eficacia e eficiencia e descentralización a favor dos intereses dos administrados.

ORGANIZACIÓN DO GOBERNO

Para conseguir estes obxectivos, os asinantes consideran necesario conformar un goberno de colaición cioas seguintes características:

Comisión de goberno, constituída polo alcalde, catro concelleiros do PSdGPSOE e catro do BNG. Na futura aplicación das "medidas para a modernización do goberno local" os altos cargos non electos que poidan formar parte da Xunta de Goberno non desviarían a proporcionalidade anterior.

Catro tenencias de alcaldía, das que o BNG ostentará a primeira e a terceira e o PSdG a segunda e a cuarta.

Delegacións do alcalde en Pleno, Comisión de goberno e concellerías (segundo as contempladas no BOP 211 de 03/11/2000)

Alumeado-PSdG
Auga e Saneamento-BNG
Benestar Social-BNG
Cultura e Animación sociocultural-BNG
Deportes-PSdG
Emprego-BNG
Ensino- PSdG
Facenda-PSdG
Infraestructuras-PSdG
Limpeza- BNG
Medio Ambiente- PSdG
Mocidade- PSdG
Muller-PSdG
Normalización Lingüística-PSdG
Parques e Xardíns- PSdG
Participación Cidadá- BNG
Patrimonio Histórico- PSdG
Persoal-PSdG
Policía, Tráfico e Transportes- PSdG
Sanidade e Consumo- PSdG
Turismo e Comercio-BNG
Urbanismo ( Presidencia e prinmeira vicepresidnecia da Xerencia de Urbanismo: PSdG. Segunda vicepresidencia -sen competencias executivas-:BNG)
Vías e Obras-BNG
1055593874bcomparecencia.jpg
1055593896bcomparecencia2.jpg
Descargar todas as imaxes