Escoitar

Ventura Pérez Mariño, novo alcalde de Vigo

O candidato socialista Ventura Pérez Mariño é dende o 14 de xuño novo alcalde de Vigo, gracias ao apoio dos concelleiros e concelleiras do seu grupo e do nacionalista. O acto de constitución da nova Corporación e elección do alcalde celebrouse ás doce do mediodía no auditorio do Concello, habilitado para a ocasión como sala de plenos.

sábado, 14 xuñ 2003
1055593104aaventura.jpg
Ventura Pérez Mariño
Como sinala a lei, formouse en primeiro lugar a mesa de idade que dirixiu a sesión, integrada polos concelleiros electos de maior e menor idade, Agustín Arca Fernández e Mauricio Ruiz Ceniceros, e asumiu a presidencia da mesa o membro de máis idade. A mesa comprobou as credenciais presentadas coa certificación remitida ao Concello pola Xunta Electoral de Zona.

A seguir, os concelleiros xuraron ou prometeron o seu cargo mediante a fórmula legalmente prevista de acatamento da Constitución. Sete concelleiros optaron polo xuramento, e vinte pola promesa. Quedou así constituída a Corporación, formada por 27 membros, 10 do PP, 8 do PSdG-PSOE, 7 do BNG e 2 de PROVI, e escolleuse o sistema ordinario (á man alzada) para elixir o alcalde. Logo dunha quenda de intervencións onde os voceiros dos grupos expuxeron as súas intencións, procedeuse á votación. Nela Corina Porro recibiu 10 votos, Manoel Soto 2, e Ventura Pérez Mariño os 15 do seu grupo e mais dos nacionalistas.

Desta forma, Agustín Arca entregoulle a vara de mando a Ventura Pérez Mariño. A seguir, o novo alcalde socialista prometeu o seu cargo de alcalde sobre a Constitución. Logo de dúas intervencións da oposición felicitando o novo alcalde, Pérez Mariño dirixiuse aos vigueses que ateigaban o auditorio na súa primeira alocución no cargo.
Descargar todas as imaxes

Máis información