O alcalde felicitou a José Suero polo Campionato de España de boxeo
Abel Caballero recibiu este mércores na Alcaldía ao púxil de orixe dominicana, que vén de alzar en Pamplona o título do peso súperwelter que outorga ao boxeo vigués o primeiro campionato a nivel estatal en case que vinte anos.

José Suero, alcumado “A sombra”, visitou este mércores a Alcaldía de Vigo xunto ao seu adestrador, Manuel Jiménez, do ximnasio vigués La Vieja Escuela, e recibiron de mans do alcalde de Vigo, Abel Caballero, unha medalla de recoñecemento á xesta de Suero para o deporte vigués. Na recepción participou tamén o edil de Deportes, Manel Fernández.
Hai pouco máis de dúas semanas, o deportista conseguiu o título en Pamplona, na casa do seu adversario, David Soria, que defendía o trono. O aspirante vigués derrotouno por KO no terceiro asalto, concedendo ao boxeo vigués o seu maior éxito desde o campionato de Jorge Araújo no 2002.


