O alcalde lembra que a Xunta nunca respondeu á proposta municipal de convenio para construír o instituto de Navia
O alcalde afeou esta mañá á Xunta o seu silencio sobre a proposta de colaboración que o Concello enviou en febreiro de 2020 para construír o instituto de Navia. Nese documento o goberno local poñía a disposición da Consellería de Educación unha parcela de 12.000 m2.
Abel Caballero lamentou esta mañá a falta de resposta da Xunta ao protocolo de colaboración para a construción dun centro de ensino secundario de Navia que o Concello enviou á Xunta o 11 de febreiro de 2020. Nesa proposta, o goberno local poñía a disposición da Xunta unha parcela de 12.000 m2 ao tempo que lle pedía que enviaran a súas suxestións nun prazo de 15 días. O alcalde subliñou que un ano e dous meses despois do envío dese protocolo “nin unha sola palabra de resposta”.
O alcalde criticou o silencio do goberno autonómico sobre unha proposición que recollía a cesión inmediata desa parcela municipal unha vez que a Xunta se comprometera á execución do instituto e que dotaran o proxecto de fondos económicos. En resposta a recentes declaracións de responsables do PP e do BNG, criticou a actitude de estas forzas políticas que “sempre actúan en contra desta cidade”.