O Concello recibiu 651 solicitudes para as nove escolas infantís municipais
A pasada semana pechouse o prazo de presentación de solicitudes para as 670 vacantes, que inclúen ás 82 da nova escola infantil de Bembrive, segundo explicou Caballero este luns. O alcalde subliñou que o goberno de Vigo adica case que 2,5 millóns de euros a centros para nenos de cero a tres anos.
A cifra de solicitudes practicamente cubre a oferta de prazas, tal e como informou Caballero este luns en rolda de prensa: 651 peticións para 670 vacantes dispoñibles. Do total, 199 corresponden a renovacións e 452, de novo ingreso. O rexedor recordou que a demanda acostuma a ser maior polas mañás, polo que haberá ocos libres nas quendas de tarde das nove escolas infantís municipais.
O Concello de Vigo destina entre 200.000 e 250.000 euros anuais a cada un dos nove centros municipais para nenos e nenas de entre cero e tres anos. Ademais, por lei, a Xunta de Galicia obriga á cidade a cofinanciar as escolas de titularidade autonómica da rúa Palencia e de Valladares, o que eleva a achega municipal a case que 2,5 millóns de euros.
Abel Caballero subliñou que, baixo o seu mandato, Vigo duplicou a rede de escolas infantís municipais coa apertura das instalacións de Bembrive, Bouzas, Mestres Goldar, Navia e Tomás Alonso. Ademais, o rexedor puxo en valor que a metade dos usuarios das escolas municipais non pagan nada por criterios de renda e que o prezo máximo das autonómicas é “o dobre” que nas do Concello de Vigo. “Estou satisfeito”, concluíu.