Escoitar

Caballero: "Son o alcalde da economía porque Vigo é a cidade da economía"

Na súa intervención este mércores no Nueva Economía Fórum Tendencias o rexedor puxo en valor o papel de Vigo como "a primeira cidade de Galicia, a máis industrial" e destacou a importancia dos concellos no desenvolvemento das novas tecnoloxías porque "unha parte importante pasa pola nosa actuación".

mércores, 14 abr 2021
Abel Caballero durante a charla
Abel Caballero durante a charla

O alcalde destacou que a "parte central da primeira cidade de Galicia, a máis industrial, encabézaa o alcalde e non o presidente autonómico", un paradoxo que "amosa a realidade da política local, que suplimos carencias da administración autonómica", criticando que o presidente galego "desatenda a industria da cidade".

Así, expuxo que "son o alcalde da economía en Vigo porque é cidade de economía. Non somos capital de provincia, nin da Comunidade Autónoma, nin da área metropolitana porque nola quitou o presidente da Xunta a través dun proceso xudicial".

Preguntado sobre a presentación de proxectos vigueses para optar aos fondos europeos, Abel Caballero explicou que a cidade está nunha situación "paradoxal: en termos de programas de inversión Next Generation UE, o presidente da Xunta son eu porque encabezo proxectos relevantes industriais significativos", citando a fábrica de baterías que promove o Concello con Zona Franca e cun "número significativo de socios", o proxecto da planta de hidróxeno verde para provisión de vehículos que conta con "oferta e demanda garantida" ou o manifesto de interese para a factoría de circuítos fotónicos. Son, dixo, proxectos de "novas tecnoloxías de última xeración". A este respecto Caballero sinalou que "as cidades estamos embarcadas e queremos e temos que xogar un maior papel porque unha parte importante pasa pola nosa actuación".

Así mesmo, avanzou que Vigo presentará proxectos en turismo ou mobilidade sostible para recibir fondos europeos, considerando que o "Goberno de España presta oídos ao que se presenta desde a cidade".

Sobre a internacionalización da economía, Abel Caballero explicou que o Concello envía cada ano a un milleiro de mozas e mozos a estudar inglés cunha bolsa do programa municipal "Vigo en Inglés" porque "van ter que desenvolver unha parte importante da súa vida na internacionalizacion e coa tecnoloxía e quero que na miña cidade todas e todos falen inglés, español e galego. Iso é o futuro".

Ademais, o rexedor destacou a capacidade tecnolóxica da industria viguesa que fabrica pezas fundamentais de motores de aviación, que produce a maquinaria para a fabricación de coches en Alemaña, que está no proceso de creación dos coches sen condutor nun proxecto do CTAG que conta coa colaboración do Concello, que traballa no proxecto dos fotóns coa Universidade de Vigo e que está "aberta a tódalas iniciativas que cheguen aquí".

Descargar todas as imaxes