O alcalde salienta o “gran atractivo” das ramplas da Gran Vía no Nadal de Vigo
Abel Caballero referiuse este luns ao “bo comportamento” da cidade durante a primeira fin de semana de acendido da iluminación de Nadal e explicou que xa están traballando os 25 controladores Covid contratados polo Concello para supervisar o respecto da normativa de seguridade Covid.
“Durante a fin de semana a cidade tivo un bo comportamento” no tocante ao mantemento dos aforos nos espazos e da distancia social e en canto ao cumprimento da normativa de seguridade Covid, explicou o rexedor en rolda de prensa hoxe luns.
Caballero destacou o “grande atractivo” que están tendo entre a cidadanía as ramplas da Gran Vía polas que pasaron estes días “ducias e ducias de miles de persoas. Todo Vigo está visitando as ramplas cunha opinión favorable”, tanto xente de idade, como familias e persoas con carros de bebés que poden así subir a avenida por medios mecánicos, sinalou.
Con todo, o alcalde explicou que a cidadanía está demandando que as ramplas cheguen ata a Praza de España, completando todo o tramo da Gran Vía pero “non chegan porque Feijóo parounas”, xa que “se dedica a desfacer todo o que facemos” en Vigo, toda vez que o proxecto municipal incluía o bulevar completo. De feito, Caballero apuntou que a cidadanía utiliza o primeiro tramo do bulevar para acceder ás ramplas, producíndose aglomeracións de persoas na contorna da escultura dos redeiros, onde as beirarrúas son de “pouco máis dun metro”, polo que criticou que a Xunta de Galicia rexeitara a instalación das ramplas nese primeiro tramo, tomando “decisións políticas contra a cidade”.
O rexedor explicou tamén que xa están traballando os 25 controladores Covid contratados polo Concello para este Nadal co obxectivo de supervisar a implantación correcta das medidas de seguridade Covid e que, desde hoxe, operarán nas ramplas da Gran Vía. Amais, realizarán apoio loxístico nos controis de acceso, mobilizarán vallas de seguridade, instalarán dispensadores de xel e atenderán en tempo real as demandas cidadás.
O goberno municipal está instalando as cámaras de control de aforo e afluencia que permitirán vixiar 60 rúas da cidade. Os dispositivos non gravan imaxe nin son, senón que contan siluetas e o nivel de concentración e, ao detectar que se sobrepasan os aforos ou non se respectan as distancias, activa unha alarma. O sistema está conectado tamén coa Policía Local.
Política Social
O alcalde informou este luns da ocupación ao 100% do albergue municipal de Marqués de Valterra, apuntando que nesta xornada abandona as instalacións unha muller a quen o goberno municipal atopou un traballo no sector hostaleiro e que vai aloxarase nunha vivenda. Nestes momentos, hai 34 persoas en hoteis e hostais contratados polo Concello, a gran maioría son transeúntes procedentes de fóra da cidade, dixo, a quen “ten que darlle acomodo a Xunta de Galicia pero en política social deixa a todo o mundo tirado á súa sorte”.