A demolición do edificio do Camaleón permitirá contar en Samil cunha nova zona verde
O proxecto de demolición do antigo Camaleón xa está en Costas para que emitan o perceptivo informe que permitirá a inmediata licitación dos traballos. Deste xeito, Samil gañará unha nova zona verde na que se repoboará o arborado.
O alcalde avanzou esta mañá que o Concello xa ten listo o proxecto de demolición do antigo Camaleón, na praia de Samil. Para derrubar este inmoble de 573 m2 distribuídos en dúas plantas é precisa a autorización da Dirección Xeral de Costas polo que xa se lle enviou o documento para que elabora o preceptivo informe.
Unha vez recibido, abrirase o proceso de licitación dos traballos cun orzamento de 110.000 euros e un prazo de execución dun mes. A parcela quedará como zona verde -que se repoboará con arborado por definir - para continuar en Samil con esa “combinación extraordinaria” de areal, zonas verdes, dunas e paseo, aclarou Caballero. Respecto á oferta de servizos para os cidadáns, explicou que se está estudando a posibilidade de autorizar un establecemento adaptado á zona, cun edificio lixeiro, respectuoso co entorno, na liña do actual Marina Cíes.