O alcalde louva a implantación en Vigo da automobilística francesa Dangel
Para Abel Caballero, a elección aporta “esperanza” á actual situación marcada pola pandemia, polo que aplaudiu as “alianzas” do sector público e privado en favor do “progreso” na economía e na industria do automóbil. A Zona Franca acolleu este xoves a presentación do primeiro vehículo transformado por Dangel en España.
O acto contou coa participación de Pablo Aliende en representación da compañía Dangel, do director da factoría de Vigo de PSA, Ignacio Bueno, do delegado da Zona Franca, David Regades, da presidenta da Deputación, Carmela Silva, o do alcalde, Abel Caballero.
A empresa francesa Automóbiles Dangel, que adícase á transformación de utilitarios en 4x4, presentou este xoves o primeiro vehículo saído das súas novas instalacións na cidade, situadas en terreos da Zona Franca viguesa. A compañía lidera o sector da conversión e prevé en Vigo mellorar a tracción dos coches saídos de Balaídos mediante un desenvolvemento empresarial conxunto.
De feito, Aliende puxo en valor a proximidade á fábrica de PSA para reducir tanto custos de produción e loxísticos como as emisións e o impacto medioambiental. Pola súa banda, o director da planta viguesa do grupo, Ignacio Bueno, aplaudiu a elección de Vigo tamén pola mellora dos prazos de entrega, ao non ser preciso o envío a Francia dos vehículos
Dangel prevé traballar nun centenar de vehículos no que resta de ano para alcanzar os 1.200 ao longo do próximo 2021, cando o número de empregos aumentará ata os oito ou dez. A súa sede de Bouzas permite elevar a produción ata as 3.000 unidades anuais.
O delegado da Zona Franca, David Regades, asegurou que o asentamento deste tipo de empresas "reforza considerablemente a agrupación” da industria do automóbil de Vigo e salientou que os terreos de Zona Franca fan posible exportar os seus modelos a mercados extracomunitarios a un custo competitivo.
Adicionalmente, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, remarcou o "papel fundamental" que exerce o sector do automóbil en relación ao "crecemento económico", o "emprego" e a "innovación" e asegurou que Vigo representa a cidade "máis dinámica" neste sentido a nivel autonómico.