Caballero: “O Concello é o único que presta a atención social ante o Covid-19 cando a competencia é exclusiva da Xunta”
A Corporación de Vigo celebrou este xoves un Pleno Municipal extraordinario sobre a situación da cidade durante a actual crise sanitaria do Covid-19. O alcalde destacou as medidas postas en marcha polo goberno local e a atención social aos cidadáns sen apoio da administración autonómica. Os grupos da oposición reclamaron máis axudas por parte do Concello aos sectores afectados.
“O Concello de Vigo presta toda a atención social aos cidadáns, todas as axudas corren a cargo do goberno local, sen ningún apoio por parte da administración autonómica, que ten a competencia exclusiva, segundo o indica o Estatuto de Autonomía de Galicia”.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou este xoves durante a celebración do Pleno Municipal extraordinario sobre o Covid-19 que desde o Concello faise unha “atención total a miles e miles” de persoas e sinalou que a administración local actúa en todos os ámbitos, desde o comercio, a hostalería e a Educación ata a política social.
Relatou tamén tanto as partidas xa empregadas en axudas de emerxencias (1,4 millóns) como os investimentos de Remanentes (33 millóns) que fomentarán a creación de emprego. “Temos un plan de mobilización de 1.000 millóns de euros e estaremos tamén no Proxecto Europa que conta cun plan de investimento de 72.000 millóns”, engadiu.
O rexedor reclamou á Xunta de Galicia que aporte fondos para afrontar a pandemia, posto que ata o de agora non transferiu “nin un euro” dos 23 millóns que o Goberno central achegou á comunidade autónoma. Ademais, reclamou que duplique o número de PCRs que se realizan en Vigo e aumente os rastrexadores para facer seguimento dos casos positivos. O reforzo da Atención Primaria da sanidade pública tamén foi outra das reclamación dos alcalde.
“Seguramente, así o indican os datos, esteamos a dobregar o pulso ao virus, pero recomendo moita precaución, porque queda moito camiño e temos que ter moito coidado”, concluíu Abel Caballero.
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Alfonso Marnotes, criticou as políticas dos goberno municipal e reclamou que se tomen medidas como o reforzo do servizo de transporte urbano, novas desinfeccións en espazos públicos, maiores achegas económicas en política social e elevar o persoal dos servizos municipais.
No caso do grupo mixto, o concelleiro da Marea de Vigo Rubén Pérez reclamou “priorizar” os recursos “porque non son ilimitados” e propuxo unha emenda ao Orzamento 2021 para modificar partidas destinadas a axudas fronte o Covid-19. Ademais, o edil pediu coñecer como vanse a empregar a diñeiro aportado polo Goberno central e a Unión Europea.
Por último, o concelleiro non adscrito, o nacionalista Xabier Pérez Igrexas, tamén propuxo unha modificación orzamentaria para “fortalecer a resposta social” na cidade. O edil do BNG recoñeceu a labor do goberno local, pero apuntou que “podemos e debemos facer máis”.