Escoitar

O alcalde traslada a Europa o peso de Vigo no automóbil e a importancia da implantación dunha fábrica de baterías

Abel Caballero considera “estratéxico” conseguir a instalación dunha factoría de baterías na área de Vigo, como “garantía de competitividade e pervivencia” do sector do automóbil. O rexedor mantén este mércores unha entrevista co vicepresidente de Relacións interinstitucionais da Comisión Europea, Maros Sefcovic.

mércores, 11 nov 2020

Para Caballero, o vehículo eléctrico xa “é unha realidade” e consolidar unha fábrica de baterías na área de Vigo, e polo tanto próxima á planta de Balaídos de PSA Peugeot Citroën, suporía unha “garantía importantísima de competitividade e pervivencia” para a industria viguesa do automóbil. En declaracións aos medios, Caballero afirmou que a produción das baterías significaría “completar o ciclo de fabricación” do automóbil en Vigo e comarca.

O alcalde participa este mércores na entrevista xunto á presidenta da Deputación, Carmela Silva, e ao delegado da Zona Franca, David Regades. Precisamente Concello e Consorcio traballan en “máis proxectos”, explicou Caballero, de cara a unha “maior consolidación” da ámbito do automóbil na área de Vigo, para o que contan coa proximidade do Ministerio de Industria.

“Pretendemos que Europa e Maros Sefvocic, como responsable, coñezan do noso territorio, do noso proxecto e do que significamos” na industria do automóbil: “Continuaremos apoiando a economía”, concluíu o alcalde.