O Goberno confirma ao alcalde que licitará o estudo da saída sur ferroviaria a inicios de 2021
Abel Caballero mantivo unha reunión co secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Sergio Vázquez, quen comunicou a previsión do Goberno de España de licitar a comezos do próximo ano o estudo de alternativas á saída sur ferroviaria, para conectar Vigo con Portugal en Alta Velocidade de pasaxeiros e mercadorías.
Vázquez e Caballero celebraron este martes unha reunión de traballo na que analizaron a situación na que se atopan os principais proxectos viarios e ferroviarios da cidade, “o máis importante”, en verbas do alcalde, a saída sur ferroviaria desde Vigo.
O proxecto de orzamentos xerais do Estado para o 2021 recolle a elaboración dun estudo funcional que establecerá distintas alternativas para a eventual conexión sur de Vigo desde a estación de Urzáiz, tanto para viaxeiros en Alta Velocidade con Portugal, como para mercadorías cunha conexión co porto vigués. “A saída sur xa é unha actuación imparable”, valorou o rexedor, algo posible logo de conseguir a entrada do AVE desde Redondela ata Urzáiz en túnel e non en superficie a través de Teis, un cambio na forma de acceso que foi posible coa chegada do propio Caballero á Alcaldía.
A saída sur en túnel, engadiu, “enlazará co proxecto de Portugal de vertebrar o país de norte a sur a través de Alta Velocidade, singularmente Lisboa-Oporto-Vigo, a través da entrada sur” en Urzáiz. O obxectivo é, a partir de aí, poder enlazar directamente con Madrid pola variante de Cerdedo, para a que se está a redactar o estudo hidroxeolóxico por importe de 1,5 millóns.
En rolda de prensa, Sergio Vázquez explicou que a saída sur é “a principal novidade en planificación ferroviaria que vai acometer o Goberno nesta lexislatura” e avanzou que o Ministerio de Fomento licitará a comezos de ano o estudo de alternativas, co “triplo obxectivo” de “unificar o tránsito de viaxeiros en torno á estación de Urzáiz, mellorar a conectividade das mercadorías e garantir a conexión do eixo atlántico ferroviario con Portugal”, país que prima o enlace con España a través do Lisboa-Porto-Vigo. “É unha oportunidade e temos que estudala ben”, asegurou o secretario xeral, porque empraza á cidade olívica na “centralidade” do eixo atlántico.
Autovía a Madrid
A segunda gran cuestión abordada por Vázquez e Caballero foi a conexión viaria entre Vigo e Madrid, unha alternativa que prolongue ata Vigo a A-52 que finaliza no Porriño. Segundo explicaron, o Concello de Vigo presentou ao Ministerio un novo trazado sen afección ao río Eifonso e, polo tanto, cunha maior “garantía medioambiental” cos deseños en túnel nos que traballa o departamento de Transportes.
Para Vázquez, a solución do goberno de Vigo é “máis ambiciosa” e adiantou “contacto permanente” co Concello de Vigo para a mellora da actual conexión en autovía. O alcalde recordou que Vigo carece dunha autovía directa e amosouse convencido de que o Ministerio incorporará o trazado proposto por Vigo, algo máis cara, por ser “máis respectuosa” co entorno natural.