Caballero visita a Aula da UNED en Vigo xunto ao novo director do centro asociado
Abel Caballero acudiu este luns ás instalacións da Aula da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Vigo xunto co novo director, Víctor Manuel González Sánchez. O alcalde destacou que o Concello aporta preto dun millón de euros para sufragar o funcionamento do centro no Auditorio Mar de Vigo.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acudiu este luns ás instalacións da Aula da UNED en Vigo xunto co novo director do centro asociado á universidade a distancia, Víctor Manuel González Sánchez, nomeado o pasado mes. O rexedor explicou, durante a rolda de prensa celebrada momentos antes, que o Concello aporta case un millón de euros para o funcionamento do centro, no que se inclúen os gastos do profesorado e o alugueiro do espazo no Auditorio Mar de Vigo.
A Aula da UNED oferta actualmente a titoría do curso de acceso universitario e de trece graos, que no primeiro período de matrícula do curso 2020/2021 ten un total de 1.148 estudantes matriculados (992 no 2019/2020). O grao con maior número de alumnos é o de Psicoloxía (345), seguido de Dereito (169), ADE (108), Curso de acceso (86), Educación Social (77), Historia da Arte (75), Xeografía e Historia (67), Pedagoxía (52), Enxeñería Informática (42), Estudos Ingleses (36), Ciencias Ambientais (33), Ciencia Política e Administración (25), Turismo (23) e Tecnoloxías da Información (10).
A clasificación dos estudantes seguindo o criterio do seu sexo mantén a liña que se reflexa tamén no Centro Asociado de Pontevedra na que a maioría dos estudantes son mulleres (61%). A maioría dos estudantes da Aula de Vigo proceden da cidade, un 60,36%.