A rehabilitación da muralla do Castro inclúe nova iluminación para realzar toda a fortaleza
O alcalde de Vigo achegouse esta mañá á muralla do Castro, unha vez rematadas as obras de rehabilitación que se viñeron facendo nos últimos meses en colaboración co Ministerio de Transportes, que aportou o 75% do investimento. Ás 19,30h deste martes ten lugar a inauguración de toda a nova iluminación do conxunto da fortaleza.
A muralla do Castro xa está rehabilitada logo de varios meses de traballos que superaron os 800.000 euros, dos 626.000 euros foron achegados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e, o resto, polo Concello. Abel Caballero e Carmela Silva visitaron esta mañá o recinto restaurado, acompañados por Sergio Vázquez Torrón, secretario xeral de Infraestruturas e David Regades, delegado da Zona Franca. Tal e como avanzou o rexedor en rolda de prensa, hoxe mesmo, ás 19,30 h. arrancará a nova iluminación de todo o conxunto da fortaleza.
Na rolda de prensa posterior á visita, Caballero recordou que o proxecto de rehabilitación incluíu labores de limpeza, de reparación e consolidación da muralla para evitar a perda de estabilidade estrutural; así como a eliminación de elementos discordantes. A este respecto incidiu en que esta tarefa de recuperación comezou xa coa eliminación do “horrendo pastiche” que era o antigo restaurante adosado a muralla. Ademais de recuperar a fortificación -construída no século XVII -, fixéronse labores de adecuación do arbolado e da vexetación. Nos próximos meses, engadiu, vaise seguir traballando no acondicionamento das galerías soterradas para que poidan ser visitadas nun futuro.
Pola súa banda, o secretario xeral de Infraestruturas sinalou que esta actuación “reflicte o compromiso” do Ministerio e do Goberno con Vigo, así como co seu patrimonio histórico e a súa axenda urbana porque “o dinamismo da cidade o merece”.
Timbais
Durante a presentación da rehabilitación da muralla houbo un concerto de percusión con dous timbais que pertenceron á antiga Banda de Música de Vigo e que veñen de ser recuperados polo director da Orquestra Clásica. Tal e como explicou o rexedor, estas pezas desapareceron entre os anos 50 ou 60 e estaban almacenadas na Escola de Música gardados nunhas cestas que o único mestre cesteiro que queda en Vigo recoñeceu como obra do seu pai. O rexedor amosou en rolda de prensa unha foto do Arquivo Pacheco de 1912 na que se poden ver os timbais ao lado de Mónico García, daquela director da Banda Municipal de Vigo.