Escoitar

A Concellería de Festas achegará 12.000 euros a máis de vinte agrupacións corais da cidade

Cada unha das corais recibirá 600 euros por tres actuacións en barrios vigueses.

mércores, 4 xuñ 2003
A concellería de Festas e Animación Sociocultural, dentro do seu labor de descentralización da programación cultural polos barrios e parroquias da cidade, vén de firmar un convenio de colaboración con diversas agrupacións corais de Vigo co fin de organizar un ciclo de actuacións ó longo do ano 2003.

O obxecto deste convenio é apoiar, potenciar e promocionar dende o Concello de Vigo as masas corais da cidade ó traverso dun ciclo de actuacións polos barrios, e con ese propósito, a concellería aportará un total de 12.000 euros, cun importe individual de 600 euros para cada coral.

Máis de vinte corais asinaron o documento, entre elas a SCD Helios de Bembrive, a Asociación Coral Polifónica Anduriña, a AVCUC "Emilio Crespo", o CCAR Rueiro del Cristo de la Victoria de Coia, a Coral Polifónica Olívica, a SCD Atlántida de Matamá, a Asociación de Veciños Monte da Mina de Castrelos e a Asociación de Veciños de Cabral.

Ó abeiro do convenio, a concellería decidirá as datas de tres concertos de cada coral, un deles de carácter gratuíto, segundo as propostas feitas polas mesmas agrupacións e elixirá os lugares máis axeitados para estes concertos, que serán de entrada libre e gratuíta ata completar o aforo, tendo en conta as necesidades técnicas destes espacios. Ademais de programar os concertos o departamento municipal encargarase de editar o material gráfico necesario para a súa difusión, que as corais terán que distribuír axeitadamente.

O convenio de colaboración terá vixencia ata o 31 de decembro de 2003 e non será prorrogable.