O goberno municipal pon en marcha o ascensor do Parque Camilo José Cela o martes 30 de xuño
O ascensor que comunica Torrecedeira e Pi i Margall entrará en funcionamento ás 9 da mañá do vindeiro martes, 30 de xuño, logo de terse solucionado o problema de vibración que rexistrou a pasarela desta infraestrutura.
Abel Caballero explicou que a pasarela que dá acceso ao ascensor do Parque Camilo José Cela presentou algúns problemas de vibración durante a primeira proba que se realizou na infraestrutura, que agora quedaron solucionados. Deste xeito, o vindeiro martes, 30 de xuño ás 9:00 horas da mañá o ascensor entrará en funcionamento comunicando as rúas Torrecedeira e Pi i Margall.
A obra do ascensor está enmarcada no proxecto Vigo Vertical e foi cofinanciada con fondos FEDER da Unión Europea cun orzamento de case 3 millóns de euros.
Xunta de Goberno Local
A Xunta de Goberno Local aprobou a subvención nominativa, mediante convenio coa Federación de Bandas de Música Populares de Vigo para apoiar o desenvolvemento dos programas “Vigo un mar de bandas” e “Aulas de música” por importe de 173.000 euros.
Amais, deu luz verde á interposición de recurso contencioso-administrativo contra a Orde do 27 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións de programas integrados de emprego de Galicia, que se convocan para o ano 2020. Segundo esa orde, a Xunta de Galicia dá prioridade na concesión de subvencións económicas aos concellos adscritos ao programa Doing Busines quedando en inferioridade de condicións aqueles municipios que non forman parte do devandito programa.