O Concello aproba o cambio de uso na parcela de Esturáns para o novo Parque de Bombeiros
Abel Caballero informou este venres de que a Xerencia de Urbanismo aprobará o vindeiro martes o cambio de uso dotacional dunha parcela do Concello para que poida acoller o novo Parque de Bombeiros. Trátase dunha nave existente no ámbito de Esturáns que será o destino das instalacións que actualmente están no Estadio Municipal de Balaídos.
A Xerencia de Urbanismo aprobará na súa sesión do vindeiro 30 de xuño o cambio de uso dotacional dunha parcela municipal, sita no ámbito de Esturáns (zona Tomás Alonso), para destinala ao novo Parque de Bombeiros da cidade.
O alcalde, Abel Caballero, informou este venres en rolda de prensa da decisión adoptada polo goberno local en base ás consideracións técnicas dos propios responsables do servizo de extinción de incendios municipal. Así, o actual parque instalado en Balaídos será trasladado a esta nave de Esturáns unha vez feitas as adaptacións necesarias. “Quero unhas instalacións de bombeiros dignas e con disponabilidade, levan desde o ano 86 en Balaídos e alí seguen provisionalmente”, sinalou.
A parcela pasa de dotacional asistencial a dotacional de servizo público, de forma que poida dedicarse a centros destinados á prestación de servizos públicos de seguridade cidadá. É unha nave que xa existe, está en bo estado pero propón unha reforma interior que permita situar a instalación de bombeiros e a cocheira.
“As instalacións de Balaídos están en moi mal estado e necesitamos un segundo parque de bombeiros, que agora estará nunha situación inmellorable”, apuntou o alcalde. O orzamento previsto para a nova dotación ronda os 900.000 euros e inclúe tamén vestiarios e oficina.
Recurso pola reforma do Santa Irene
Ademais, o alcalde informou de que a Xerencia de Urbanismo tomará coñecemento na mesma sesión do 30 de xuño da concesión da licenza ao proxecto de reforma do IES Santa Irense e do recurso interposto fronte a decisión da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que resolveu contra o tapado do escudo franquista da fachada.