Escoitar

O goberno local apraza de novo o pago de todos os impostos municipais

Abel Caballero informou este martes da decisión do goberno local de aprazar de novo o pago de todos os impostos municipais. O alcalde tamén destacou que o Concello pagou aos seus provedores nun prazo medio de 9,6 días.

martes, 23 xuñ 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes que o goberno local decidiu un novo aprazamento das taxas municipais despois de que o pasado 23 de marzo decidira aprazar o pago de todos os impostos debido a crise sanitaria xerada pola pandemia do Covid-19. Ademais, o 22 de maio tamén se aprobou unha nova demora no caso do lixo, vehículos e IBI.

“A crise sanitaria obriga a dar facilidades á cidadanía e debemos dar tempo á recuperación da economía, que os negocios vaian abrindo”, sinalou o rexedor. Así, co novo aprazamento, a taxa de lixo deberá pagarse entre o 30 de xullo e o 5 de outubro, cando en condicións normais estaría cobrándose en maio (xa fora aprazado do 6 de xullo ao 7 de setembro). Caballero lembrou que o Observatorio dos Servizos públicos urbanos xa cualificou o servizo como “o mellor de España” con seis vasoiras de Platino.

No caso da taxa de lixo comercial, o prazo pasa a ser do 3 de agosto ao 5 de outubro, posto que en condicións normais estaría en cobro en xullo e agosto. Tamén se adía o imposto de vehículos e pasa a ser do 30 de xullo ao 5 de outubro (en condicións normais, debería estar ao cobro en maio e xa fora aprazado do 6 de xullo ao 7 de setembro). E por último, o IBI e o IAE mantén os prazos do 1 de setembro ao 5 de novembro.

Pago a provedores

Ademais, o alcalde sinalou que o Concello de Vigo pagou aos seus provedores nun prazo medio de 9,6 días durante o mes de abril e destacou que era o mellor promedio de todas as administracións de España.