Escoitar

Abel Caballero abordará co ministro Ábalos o impacto económico do coronavirus no transporte

Xunto aos responsables das quince maiores cidades de España, o alcalde e presidente da FEMP mantén unha reunión na tarde deste mércores co titular da carteira de Transportes. Se tratará do proceso de desescalada no transporte e Caballero trasladará o “custo multimillonario” que terá a práctica paralización do servizo.

mércores, 6 mai 2020

Caballero informará a José Luís Ábalos da situación na que se atopa o transporte nas cidades coa crise do Covid-19, cunha caída no servizo superior ao 90%, segundo cifrou, que terá un “custo multimillonario” nos concellos: “Estamos falando de centos de millóns de euros”.

Explicou o alcalde vigués que a práctica paralización no transporte significará “indemnizacións” ás empresas -recollidas nos contratos de concesión- ou diminucións importantes de ingresos nos concellos que xestionan directamente o servizo. As principais cidades queren poñer en coñecemento do ministro Ábalos o impacto financeiro previsto ao respecto.

Ademais, na entrevista está previsto tratar co ministro a transición das cidades á nova normalidade en materia de transporte e mobilidade. Neste asunto tomarase como punto de partida o documento de recomendacións para a desescalada no transporte urbano e metropolitano elaborado polo executivo central, un documento con orientacións que poden servir de guía para que as cidades apliquen en función das súas circunstancias e necesidades particulares.

Abel Caballero participará na reunión como alcalde dunha das quince cidades españolas con máis poboación, ademais de en calidade de presidente da Federación Española de Municipios e Provincias. Na cita con José Luís Ábalos estarán tamén os responsables de Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Zaragoza, Málaga, Murcia, Palma, As Palmas de Gran Canaria, Bilbao, Alicante, Córdoba, Valladolid e Xixón, os vicepresidentes da FEMP (a alcaldesa de Toledo e o alcalde de Estepona), o máximo responsable da Comisión de Transportes e Mobilidade da Federación (o teniente de alcalde de Bilbao), a alcaldesa da L’Hospitalet e o rexedor de Vitoria.

Comisión de deputacións
Antes da reunión co ministro de Transportes, na tarde deste mércores Abel Caballero presidirá tamén por videoconferencia a Comisión de deputacións, cabildos e consellos insulares da FEMP.

En declaracións aos medios, Abel Caballero indicou que a Comisión exporá a situación económica na que entran os entes provinciais coa crise do coronavirus, administracións que están atendendo a municipios pequenos que en moitos casos non poden afrontar os gastos sobrevidos, principalmente de carácter social.

O alcalde de Vigo trasladaralles a proposta da FEMP tamén aplicable a estes organismos, que pasa polo emprego do superávit e do remanente acumulado, a suspensión de normativas como a regra de gasto e a solicitude ao Goberno de España dun fondo de cooperación municipal para a reconstrución socioeconómica.