As cidades piden ao Goberno un fondo de reconstrución para as entidades locais
Logo dun encontro este martes cos alcaldes e alcaldesas das 15 urbes máis poboadas, Abel Caballero reiterou que superávits e remanentes os usarán as Entidades Locais e “non irán a ningún outro sitio”. A reunión reforzou o documento de 19 Medidas Económicas Extraordinarias que xa foi entregado ao Goberno.
O alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, propuxo ao Goberno a creación dun Fondo de Reconstrución para as Entidades Locais na mesma liña que o aprobado para as Comunidades Autónomas. “Queremos ser considerados no mesmo nivel que as CCAA”, asegurou Caballero, que reiterou o seu recoñecemento á reunión co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, manifestando que “queremos seguir nesa liña, seguir tomando parte en todas as decisións”. Tras lembrar o papel fundamental dos Gobernos Locais durante toda a crise, desde velar polo confinamento ata dar consellos de hixiene aos cidadáns, reivindicou a súa participación na reconstrución: “Queremos que unha parte da reconstrución de España que estamos a facer nós conste tamén, e que teña un fondo, que é o que pedimos nas 19 medidas propostas pola FEMP”.
Caballero insistiu novamente en reclamar “a utilización dos superávits e remanentes en cada unha das cidades que os conseguiron” para reconstruír o país tras a pandemia porque, engadiu, “son os aforros de cada municipio e pertencen aos cidadáns”. Ademais, pediu dotar de liquidez aos municipios e cidades que non conten con estes recursos. “Pedimos a constitución dun fondo que permita facerlle fronte á pandemia desde o ámbito municipal e que axude na reconstrución”, manifestou tras a reunión mantida con alcaldes e alcaldesas das 15 cidades españolas máis poboadas.
Caballero, ademais, reiterou a demanda de que sexa derrogada a Lei de Estabilidade Orzamentaria que foi “a que encorsetou a xestión económica das Entidades Locais”. Esa petición, compartida tamén polos rexedores e rexedoras asistentes, realízase de forma colateral ao “prioritario que é o documento mencionado das 19 Medidas”. Un texto ao que o alcalde de Córdoba propuxo engadir un anexo, en liña do documento mencionado, que será trasladado á Xunta de Goberno da Federación.
Con relación ao transporte público, as quince cidades máis poboadas coincidiron no grave deterioro económico das empresas que prestan este servizo tanto durante a crise sanitaria como na fase de desescalada, e expoñen a necesidade de adoptar medidas que trasladarán mañá mércores na reunión que se manterá co ministro de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, José Luis Ábalos.
Na reunión deste martes, que o presidente da FEMP definiu como “eficaz, conveniente, con acordo practicamente total entre os alcaldes e alcaldesas que interviñemos, e moi útil para o municipalismo e para os cidadáns de España”, participaron ademais del mesmo, como convocante e alcalde de Vigo (unha desas quince cidades) os primeiros edís de Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Zaragoza, Málaga, Murcia, Palma, Las Palmas de Gran Canaria, Bilbao, Alacante, Córdoba, Valladolid e Xixón. Tamén participaron os Vicepresidentes da FEMP: José María García Urbano, Vicepresidente Primeiro e Alcalde de Estepona; e Milagros Tolón, Vicepresidenta Segunda e Alcaldesa de Toledo.
Para Caballero, a reunión permitiu “poñer en común formas de ver o municipalismo das grandes cidades. As grandes cidades marcan moito a dinámica dos países, ocupan moito espazo nos tempos actuais no liderado social”. Os participantes estiveron de acordo en verse desta forma no marco da FEMP, presididos polo Presidente da FEMP, en solidariedade e cooperando co resto dos 8.131 Concellos.